Cineuropa dá o salto nesta edición e transfórmase en festival competitivo. A sección a concurso de Novas/os Cineastas –primeiras ou segundas películas– nace con doce títulos que chegan con todos os parabéns de Sundance, Cannes ou Locarno. E un xurado internacional ofreceranos o primeiro palmarés do novo Cineuropa. Obras procedentes de Grecia, Alemaña, España, México, Filipinas, Chile, Taiwán, Arxentina ou Estados Unidos, coa metade da competición protagonizada por mulleres cineastas, no ano que as directoras levaron o premio maior en Cannes, Venecia ou San Sebastián.
Seccións oficiais
SECCIÓN OFICIAL EUROPEA
O máis salientable da produción europea vista no curso do circuíto anual de festivais internacionais. O mellor de Rotterdam, Berlín, Cannes, Locarno, Venecia ou San Sebastián, arribando a Compostela en moitos casos só semanas despois da súa estrea mundial. As grandes firmas do cinema europeo, nomes xa frecuentes na memoria de Cineuropa.
Filter
PANORAMA INTERNACIONAL
As producións que proceden das fecundas e variadas cinematografías asiáticas –do Irán de Farhadi á Tailandia de Apichatpong Weerasethakul, pasando polas poderosas creacións de países como China ou Filipinas–, o cinema africano case sempre apoiado pola industria francesa e as producións norteamericanas independentes realizadas fóra da orla de Hollywood. A sección máis heteroxénea do festival e –moitas veces– a que garda máis sorpresas.
Filter
PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO
Cineuropa seguiu –desde as súas orixes na curtametraxe– aos creadores do Novo Cinema Galego, Oliver Laxe, Lois Patiño, Alberto Gracia, Ángel Santos ou Alfonso Zarauza. E aos actores que labraron unha traxectoria merecedora de tributo. Luis Tosar, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris”… Cada edición recompilamos a produción galega máis relevante e ofrecemos estrea en Galicia dalgunha desas películas. Este ano, dedicándolle o espazo da gala de clausura con ¿Qué hicimos mal?
DOCS CINEUROPA
O xénero documental é no seu contido un dos grandes artefactos de recuperación da memoria histórica: das feridas e reparacións ás vítimas da nosa guerra civil, nunca realizadas, a como un cidadán pode sufrir hoxe en día os mecanismos burocráticos dunha administración do estado kafkiana. E do político ao artístico, a creación literaria do galego Juan Tallón. Ou o rescate de Bambino, exemplo paradigmático de maudite da nosa música reactiva a calquera academicismo.
Filter
Seccións paralelas
DEREITOS HUMANOS
O cinema como carta urxente que amosa as situacións de crise humanitaria que se están a padecer neste mesmo instante. E como recuperación de momentos da Historia onde os dereitos humanos foron flagrantemente violados ou postos en risco. Unha mostra máis da capacidade mobilizadora de conciencias desta arte.
LATIDOAMERICANO
Por proximidade cultural e idiomática. E pola eclosión de autores novos non soamente en Arxentina, tamén en Chile, Uruguai, Brasil… en todo o continente. América do Sur ocupa en Cineuropa un espazo singularizado, do mesmo xeito que as súas cinematografías reciben atención especial nos grandes certames internacionais.
Filter
FANTASTIQUE COMPOSTELA
A sección esencial para as tribos da fangoria do festival. Co máis selecto da produción de cinema fantástico ou de terror recentemente importado da meca do xénero, o festival de Sitges. E tamén unha xanela para a recuperación de clásicos do terror ou de producións series z redescubertas como películas de culto. Atención, público non militante, que este ano unha das xoias do festival, Earwig, mellor dirección en San Sebastián, está aloxada nesta sección.
Filter
CINEMA E TOTALITARISMO
Non hai que ir moi lonxe no tempo. A deriva de réximes a piques de ser considerados iliberais e excluídos da lista de esixencias dunha democracia, como Polonia. Ou a dantesca toma do Capitolio polas hostes de Trump en xaneiro –algo que ocupa nada menos que o epicentro da magnífica última entrega de Halloween– precisa dun repaso sobre o cinema que abordou os totalitarismos. E tamén os populismos que lles abriron o camiño. Por iso é polo que a idea–forza desta edición ten o seu contraforte, a modo de laico exorcismo, no cinema que se asomou a eses abismos.
Filter
1971. O ANO DAS ARMAS
No ano 1971 produciuse a estrea de películas nas que salienta a súa exploración da violencia.
É posible que aquela caldeira socio-política da chamada década de chumbo daquela iniciada atopase algunha vía de escape, aínda inconsciente, en todo ese cinema que queimaba? Sobre esa suxestiva disquisición camiña este ciclo de películas que fixeron lenda e que —nalgún caso— para algúns sectores da sociedade pisaron a liña vermella do reprobable.
Filter
CINEFILIAS
Cada vez máis, os festivais dedican parte do espazo que merece á recuperación de cinema que deixou a súa pegada e sobre o cal regresar, con copias remasterizadas, é un dos maiores praceres. E inaugura novas perspectivas sobre títulos que, así, reviven con miradas que permiten relecturas ao redor do seu clasicismo.
Filter
SUÍZA, PAÍS CONVIDADO
Nesta edición Suíza é o país convidado na programación do festival. Iso permítenos primeiramente un achegamento ao pulso poderoso da produción cinematográfica dese país, cunha nutrida representación dos seus filmes estreados este ano en festivais internacionais da relevancia da Berlinale —caso de Azor—, Locarno, con Zahorí, ou San Sebastian, con Spagat.
E xunto a ese travelling polo cinema suízo desta tempada, teremos a impagable oportunidade de saborear unha ampla retrospectiva dun dos últimos representantes vivos do cinema de autor europeo inmediatamente posterior ás novas ondas, o nado nos anos 70 do século pasado. O gran Alain Tanner, cuxas películas foron protagonistas candentes das primeiras edicións de Cineuropa —lembren Unha chama no meu corazón ou O home que perdeu a súa sombra— é obxecto deste tributo que recupera nove das súas obras mis representativas.
Filter
RETROSPECTIVA ALBERTE PAGÁN
O domingo 14 de novembro Alberte Pagán ofrecerá unha clase maxistral, na que se proxectarán 7 curtametraxes dirixidas polo cineasta a modo de pequena retrospectiva.
RETROSPECTIVA FERNANDO FERNÁN GÓMEZ
Unha superficial mirada á inxente e multidisciplinar obra do descomunal Fernando Fernán Gómez a través de El mundo sigue, quizais a súa obra capital xunto a El extraño viaje. El mundo sigue, unha das súas películas que sufriu o masacre da censura e que hai uns anos foi restaurada e recomposta na súa versión íntegra. E igualmente da que é talvez a maior rareza da súa filmografía: Bruja, más que bruja, un musical entre opereta, zarzuela e Bertolt Brecht que tamén representa a importancia doutra creadora, Emma Cohen, na vida e obra de Fernán Gómez.
RESCATES
Cineuropa 2020 foi un acto de resistencia cultural –e aínda máis, civil– no medio da pandemia. Desde o festival non esquecemos que só un máximo de 60 persoas puido ver cada unha das películas do programa da 34 edición. É por iso que, en atención ao público do festival, recuperamos algúns dos títulos máis salientables do festival do pasado ano. Son todas películas que non se estrearon comercialmente e que por tanto manteñen ese selo de inéditas para o público de Cineuropa 2021.
Filter
CINEUROPA MIÚDA
Fronte ás correntes que tratan de uniformizar a mirada da xente máis nova e amoldala así como dos adultos e amoldala á forma do menú das plataformas domésticas, é esencial o goce en pantalla grande de películas cuxa creatividade amplíe os horizontes e a curiosidade do público infantil por unha arte que naceu para facer soñar. A gran película de animación da tempada, Belle, do mestre Mamoru Hosoda, terá varias exhibicións para contribuír ao estímulo desa imaxinación aínda por conformar de todo.
Filter
MARATÓN
A cita na que o Principal muta no Teatro dos Soños. E, sen dúbida, unha noite que distingue a Cineuropa de todo o arco de festivais que coñecemos. De como entrar na sala de cinema de noite e saír a pleno día. O pasado ano a situación excepcional roubounos este espazo. Pero agora volve. Con agro-terror, con Nicolas Cage, con todos os padriños e os mozos e mozas da banda. O venres 19, a partir das 22.15, celebramos o Maratón!
Filter
PREMIOS CINEUROPA
Este 2021 Cineuropa recoñece a Nadav Lapid, Verónica Forqué e Alberte Pagán.
Actividades paralelas
CINEUROPA E MÚSICA
Un ano máis a Real Filharmonía de Galicia participa en Cineuropa. Da súa man gozaremos de O peregrino, de Charles Chapin.
CINEUROPA E DANZA
Unha peza cun forte sentido da fisicalidade ao servizo dunha dramaturxia multidisciplinar, que se tece desde a máxima ficción cara a esencias da condición humana.
CINEUROPA E LETRAS
As letras e palabra forman parte da progamación paralela de Cineuropa. Coñece as actividades que desenvolveremos!
Filter
CINEUROPA E DEBATE
O totalitarismo é un dos eixos temáticos desta edición de Cineuropa, pero a súa programación desborda e chegamos a outras visións e perspectivas, como as de Varda, Berlanga, Lorca ou Pagán.
Filter
CLASE MAXISTRAL CON ALBERTE PAGÁN
Revisamos da man do Premio Cineuropa 2021 a súa mirada no mundo do cinema.
OBRADOIROS CINEUROPA
O festival vai alén das proxeccións: tamén é experiencia, encontro e aprendizaxe.
CINEUROPA EN FILMIN
Este ano tamén podes gozar de Cineuropa en Filmin!
Atoparás unha escolma de grandes películas de diferentes seccións do festival en www.filmin.es/festival/cineuropa