Ano

2019

Nacionalidade

Francia

Duración

104 min.

Xénero

Ficción

Idioma

Francés

NOV
11
Xoves, 18:45
Museo das Peregrinacións
Mercar entrada

Dominick ten o don de se volver invisible, pero iso non fai a súa vida mellor. De feito, oculta o poder mesmo aos seus seres queridos, como se dunha enfermidade se tratara. Cada vez resúltalle máis complicado manter o control da súa habilidade e iso pon en xaque as súas relacións e a súa estabilidade.

Patrick Mario Bernard e Pierre Trividic afixéronnos a un cinema tan atípico como cativador. En L’autre (premio á mellor interpretación feminina no Festival de Venecia 2008) e Dancing, por exemplo, fuxían dos convencionalismos e optaban por presentar atmosferas de rareza case metafísica, entre a realidade e a ficción. L’angle mort segue esa liña, utilizando o recurso dunha suposta invisibilidade de estraña orixe para construír un turbio e desacougante relato sobre, precisamente, os invisibles. Pero non eses invisibles aos que nos ten afeitos o xénero fantástico, senón os que poboan as rúas do mundo real: as persoas inmigrantes, negras, marxinadas… O esforzo por achegarse a un realismo case naturalista —afoutado pola densidade case palpable da fotografía nocturna de Jonathan Ricquebourg—, fai que o punto de partida fantástico se asuma cunha naturalidade desoladora. A brillantez, a orixinalidade e o bo gusto da dirección compoñen unha película fascinante de lacerante transfondo existencialista.

Ficha artística

Jean-Christophe Folly, Isabelle Carré, Golshifteh Farahani, Sami Ameziane, Claudia Tagbo

Ficha técnica

Guión: Patrick Mario Bernard, Pierre Trividic
Fotografía: Jonathan Ricquebourg
Edición: Annette Dutertre
Produción: Patrick Sobelman / Ex Nihilo