Xurado Oficial

Gabriela Guillermo

Montevideo, Uruguai, 1965

É guionista e realizadora audiovisual desde 1992. En 1994 viaxa a París onde realiza unha licenciatura e un mestrado en Estudos Cinematográficos e Audiovisuais, ademais dunha especialización de montaxe en La Fémis. En 2007 estrea en Montevideo a súa primeira longametraxe Fan, que foi seleccionada en varios festivais de cinema iberoamericano onde obtivo importantes recoñecementos. En 2012 estrea a súa longametraxe de ficción Una bala para el Che, seleccionado en importantes festivais internacionais. En 2017 realiza Betete xunto con Pablo Areán, e produce e codirixe xunto a Irina Raffo Historias de verano. No mesmo ano realizan Historia de Inverno, con André S. Labarthe en París. Actualmente presenta en Festivais El nadador (baseado na novela homónima de Hiber Conteris) escrito en coautoría con Pablo Galante. Así mesmo, comeza o desenvolvemento de dúas novas películas Historia de primavera, de novo xunto a Irina Raffo e Cómo hiciste para quererme tanto.

Foi xurado en numerosos festivais de cinema Latinoamericanos. Actualmente é a coordinadora da Licenciatura en Linguaxe e Medios Audiovisuais da Facultade de Belas Artes da Universidade da República de Uruguai, e realiza un doutoramento en Cinema e Filosofía na Universidade de París, Sorbonne.

Imma Merino Serrat

Castellfollit de la Roca, Girona, 1962

Licenciada en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona e Doutora en Comunicación pola Universidade Pompeu Fabra escribindo a súa tese doutoral sobre “Subjectivitat i autorepresentació en el cinema d’Agnès Varda”. É profesora de Historia e Teoría do Cinema e de Análise dos Medios de Comunicación na Universidade de Xirona. Desde o ano 1989 exerce como crítica de cinema e xornalista cultural no xornal “El Punt (agora “El Punt/ Avui”). Tamén escribe noutras publicacións, de xeito regular na revista cultural “L’Avenç”. Colaborou en diversos libros colectivos, entre os que se atopan “En torno a la Nouvelle Vague. Rupturas y horizontes de la modernidad”, “Al otro lado de la ficción: Trece documentalistas españoles”, “Realidad y creación en el cine de no-ficción”, “Paisaje y figuras, perplejos. El nuevo cine alemán 1962-1982”, “Derivas del cine europeo contemporáneo” e “Envejecimientos y cines ibéricos”; así como en monografías sobre Jacques Demy, François Truffaut, Max Ophuls, Jacques Becker e Luís Buñuel. Publicou o ensaio “Agnès Varda: espigadora de realidades y de ensueños” e coeditou, xunto a Ariadna Lorenzo, o libro colectivo “Carol: bellesa subversiva del desig”.

Alfonso Zarauza

Santiago de Compostela, 1973

Traballou no Media Business School entre 1998 e o 2001 e foi director de desenvolvemento da produtora madrileña Iroko Films coa que produciu oito longametraxes entre o 2003 e o 2008, entre outras a súa ópera prima A noite que deixou de chover, estreada no 2007 e protagonizada por Luis Tosar e Nora Tschiner. No ano 2010 funda en Santiago de Compostela co seu irmán Rubén Zarauza a produtora Maruxiña Film Company na que desenvolve ata a actualidade o rol tanto de guionista como de director. Os fenómenos (2014), Encallados (2013), A Viaxe dos Chévere (2015), Ons (2020) e Malencolía (2021) son os filmes que ten desenvolvido ata o momento. Con eles obtivo 10 premios Mestre Mateo, e os galardóns ao mellor director no Festival Viña del Mar por A noite que deixou de chover, ao mellor guión pola mesma película no Los Ángeles Latino International Film Festival, ou o premio do xurado no xurado no Bruselas Film Festival por Os fenómenos, entre outras moitas distincións. Tamén codirixiu dúas series para a TVG: O Nordés (2010) e Augasquentes (2016). A súa filmografía está fortemente vinculada a Santiago de Compostela, cidade que sabe plasmar con toda a súa beleza e singularidade.

Xurado Novo

Este é o Xurado Novo de #CINEUROPA35!

Teñen nas súas mans a composición do seu propio palmarés. Os premios do Xurado Novo serán de carácter honorífico e daranse a coñecer na gala de Clausura do festival.

Alicia Aykan Movilla

Sheila Dopazo Fernández

Rebeca Fernández Asenjo

Ana María Moreira González

Christian Silva Pérez