Ano

1983

Nacionalidade

Suíza

Duración

107 min.

Xénero

Ficción

Idioma

Francés, alemán, polaco

NOV
20
Sábado, 17:30
Multicines Compostela
Mercar entrada

Na cidade branca é un punto de inflexión no cinema de Tanner. Renovando o éxito de público que lle faltaba despois de Jonas que terá 25 anos no ano 2000, a película marca ademais unha ruptura estética na súa obra. A fuga e o desexo de soidade eran os temas de Tanner, pero sempre se desenvolvían sobre un soporte proveniente do esquerdismo, feito de conversacións e de pantasmas lúdicas, un paraíso de palabras e de bromas extravagantes onde vivían os personaxes. Non hai nada diso nesta película que impresiona polo seu silencio, pola súa poesía desposuída e a súa escura melancolía. Semella que o director suízo lembrou a súa mocidade na mariña mercante para imaxinar este retrato de mariño (un sublime Bruno Ganz) que o deixa todo para fundirse en corpo e alma con Lisboa. No comezo da película, Ganz dille a unha camareira que o reloxo do seu bar non indica a hora correcta. Ela responde: «O reloxo funciona ben. É o mundo o que funciona ao revés». Baixo o signo deste desaxuste, o personaxe vive a súa soidade urbana, rexistrando coa súa cámara súper 8 os fragmentos de realidade que envía á súa muller, circulando ao azar coma se agardase ser tomado pola realidade, formar parte dela.

Con Na cidade branca, Tanner consolídase como un gran director do territorio. O mapa de Tendre (país imaxinario) do personaxe e a topografía da cidade terminan por confundirse aos poucos. Porque o soño tolo do mariño talvez sexa simplemente converterse en Lisboa. Frédéric Bas.

Ficha artística

Bruno Ganz, Teresa Madruga, Julia Vonderlin

Ficha técnica

Guión: Alain Tanner
Fotografía: Acácio de Almeida
Edición: Laurent Uhler
Produción: Filmograph SA, Metro-Film