Entre os días 8 e 30 de novembro de 2012, celebrouse a 26ª edición de Cineuropa. Amour, Like someone in love, Tabú, A noite de enfronte, The deep blue sea, Beast of the Southern Wild e Holy Motors, xunto co último de Resnais, Oliveira, Ferrara, Cantet ou Bellocchio foron parte dos contidos que nos ofreceron ese ano as pantallas do Teatro Principal, do Salón Teatro, do Auditorio de Galicia e do CGAC. Foi tamén o ano no que as estreas galegas de Arraianos, de Eloy Enciso, e A cicatriz branca, de Margarita Ledo, ateigaron un expectante Principal.
The hunt, de Thomas Vintenberg, gañou o Premio do Público. O seu protagonista, o danés Mads Mikkelsen, viña de recibir o premio ao mellor actor en Cannes.
Najwa Nimri e Pedro Costa obtiveron os Premios Cineuropa da edición. A cantante e actriz aproveitou a ocasión para deleitarnos co concerto Íntimo & Acústico o día 24. Pola súa banda, tras a gala dedicada ao iconoclasta e anovador Pedro Costa do día 16, proxectouse Centro Histórico, un filme dirixido por Costa e por outros tres mestres do cinema europeo: Víctor Erice, Aki Kaurismaki e Manoel de Oliveira.
O maratón, celebrado o día 30, comezou coa curtamextraxe Lvoluten Osken e continuou con The cabin in the woods; La estaca del vampiro, Citadel, Compliance, Ghost Story, 4:44 Last Day on earth, La araña vampiro, Torture Garden, e unha película sorpresa que resultou ser El ataúd del vampiro.