O xoves 2 de novembro de 2006 inaugurábase unha nova edición de Cineuropa, que celebraba os vinte anos de compromiso co cinema europeo, internacional, independente e de calidade. A Real Filharmonía de Galicia deu ese ano o pistoletazo de saída cun concerto e un espectador de luxo, o compositor Stephen Warbeck que asistiu á interpretación de varias das súas partituras como as bandas sonoras de Billy Elliot ou Shakespeare in love. Ao longo desa noite, entregóuselle o Premio Cineuropa por toda unha vida dedicada á música no cinema.
Tan só dous días máis tarde celebrouse unha nova gala, en honra esta vez ao director Bahman Ghobadi, autor de As tartarugas tamén voan e Half moon entre outros filmes, os dous premiados con cadansúa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. Half moon foi a película proxectada tras a entrega do premio.
Nesta edición, as proxeccións tiveron lugar no Teatro Principal, no Salón Teatro, na Sala Yago, na Fundación Caixa Galicia, na aula de Cultura de Caixa Galicia e, por vez primeira, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). De entre a completísima programación que alcanzou os 127 títulos, hai que destacar A vida dos outros, de Florian Henckel, que levou o premio do público coa media de puntuación máis alta de toda a historia do festival. Logo converteuse nun gran éxito e acabou gañando o Oscar á mellor película estranxeira e varios premios do cinema europeo. E é que, cando unha película gusta moito ao público de Cineuropa, obtén éxito alí onde vai.
O maratón, titulado Mundo Asia, despedía o festival ata e edición do 2007 cos seguintes filmes: Chinjeolhan geumjassi (Sympathy for Lady Vengeance), de Chan-Wook Park; Yeopgijeogin geunyeo (My sassy girl), de Jae-Young Kwak; Wang-ui namja (The king and the clown), de Jun-ik Lee; Biyeolhan Geori (A Dirty Carnival) de Ha Yu; Rampo jigoku (Rampo noir), de Akio Jissoki; Atsushi Kaneko, de Hisayasu Sato e Suguru Takeuchi; Dalkomhan insaeng (A bittersweet life), de Ji Woon Jim e Qian li zou dan qi (Riding alone for thousands of miles), de Zhang Yimou.