Entre o 6 de novembro e o 3 de decembro de 2007, desenvolveuse a XXI edición de Cineuropa. Ese ano puidemos gozar das últimas estreas de grandes nomes —e vellos coñecidos— como Paul Auster, Ken Loach, Claude Chabrol, Carlos Saura ou Alain Resnais, entre moitos outros.
Tres foron os premiados esa edición: os cineastas Vicente Aranda e José Luis Guerín, e a actriz e cantante Jane Birkin. A entrega do premio Cineuropa a Vicente Aranda celebrouse o 15 de novembro. O director acudiu acompañado de Flora Martínez e Eduardo Noriega para presentar Canciones de amor en Lolita’s Club, película que os dous actores protagonizaban e que se estreaba no festival. José Luis Guerín foi o segundo premiado da edición, nunha gala que se celebrou o 21 de novembro, xusto antes da proxección de En la ciudad de Sylvia, que fora nomeada ese ano ao León de Ouro no Festival de Venecia. O 2 de decembro, por fin, entregouse o terceiro premio Cineuropa a Jane Birkin que presentou Boxes, a súa opera prima como directora.
De entre as 113 películas proxectadas ese ano, The edge of heaven, de Faith Akin, resultou ser a gañadora do certame, un filme duro e conmovedor que logrou o premio ao mellor guión no Festival de Cannes 2007.
Por último, oito foron as películas do maratón que baixo o título de Cine Bizarro puxo fin á XXI edición: Deliverance, de John Boorman; The devils, de Ken Russell; The honeymoon killers, de Leonard Kastle; Taxidermia, de György Pálfi; Tideland, de Terry Gilliam; Spoorloos (Desaparecida), de George Sluizer; Santa sangre, de Alejandro Jodorowsky; e Dumplings, de Fruit Chan.