O martes 1 de novembro quedaba oficialmente inaugurada a oitava edición de Cineuropa coa proxección de Orlando, de Sally Potter; filme que resultara gañador o ano anterior. Até o 30 dese mesmo mes, proxectaríanse no Teatro Principal 65 películas. Como xa viña sendo habitual, mesturouse cine de todos os tempos, coa calidade como único e ineludible requisito. Así, por Cineuropa 1994 pasaron os filmes triunfadores do festival de Cannes dese ano, como Caro Diario, de Nanni Moretti (mellor director), Exotica, de Atom Egoyan (FIPRESCI), ou Vivir, de Zhang Yimou (mellor actor e gran Premio do Xurado). Tamén se proxectaron películas premiadas en Berlín como Ladybird, Ladybird, de Ken Loach (Oso de prata á mellor actriz), ou no Festival de San Sebastián, como Pólvora vermella, pólvora verde, de He Ping (Cuncha de ouro á mellor actriz) e Tumba Aberta, de Danny Boyle (Cuncha de Prata ao mellor director).
Mención especial merece Justino, un asesino de la tercera edad, de Santiago Aguilar e Luis Guridi. O filme viña de gañar todos os galardóns posibles pola impecable actuación do novel á vez que veterano actor Saturnino García (premiado en Sitges, Valladolid e nos Goya), e resultou ser tamén o favorito do público de Cineuropa xunto con Otelo, de Orson Welles.
O día 30 clausurouse o festival coa proxección do maratón. Un corazón no inverno, de Claude Sautet, Todos a la cárcel, de Luis García Berlanga, Na busca de Bobby Fisher, de Steven Zaillian, Mi hermano del alma, de Mariano Barroso, O que queda do día, de James Ivory, As noivas de Drácula, de Terence Fisher, e unha nova película sorpresa, pecharon un Cineuropa que xa deixaba oito edicións ás súas costas.