Cineuropa comezou a súa XXIII edición coa estrea de A cinta branca, película coa que Michael Haneke obtivo a Palma de Ouro no Festival de Cannes 2009. Foron 158 filmes os proxectados entre o 4 de novembro e o 2 de decembro en catro sedes: o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia e a Sede da Fundación Caixa Galicia. Miguel Gomes, Manoel de Oliveira, Carlos Saura, Takeshi Kitano, Isaki Lacuesta, François Ozon ou Costa-Gavras, son só algúns dos cineastas cos que puidemos gozar.
Mabel Rivera e Fernando Trueba foron os dous premios Cineuropa da edición. Mabel presentou Unha lousa sobre o Courel e O salario do silencio, os dous reivindicativos proxectos documentais que produciu e levou adiante con Henrique Banet. Pola súa banda, Fernando Trueba, todo un clásico do cinema español, estreou en Cineuropa El baile de la victoria.
A conmovedora Buscando a Eric obtivo o Premio do Público. Foi o terceiro galardón deste tipo acadado polo seu director, Ken Loach, que se convertía así no gañador de gañadores do festival.
O venres 27 de novembro chegou o tradicional maratón, composto de sete películas: Un chico raro, de Javi Camino; The dentist, de Brian Yuzna; Antichrist, de Lars von Trier; Lesbian vampire killers, de Phil Claydon; The descent, de Neil Marshall; Ilsa, she wolf of the SS, de Don Edmonds; e para o final, unha película sorpresa.