Cineuropa é unha desas citas culturais das que gocei como espectadora antes que como alcaldesa, polo que para min supón unha honra presentar esta 39ª edición. Compostela acolle este festival tan propio, consolidado como unha cita esencial co cinema, ese cinema que transita polos camiños menos visibles, que se move nas marxes dos circuítos comerciais mais que ilumina o presente con novas formas de mirar, contar e sentir.
Dende a nosa cidade, o festival proxecta unha ollada diversa, plural e comprometida coa cultura como dereito, presentándose como espazo de encontro, creación e liberdade. Un festival que aposta pola variedade de voces e que defende unha cultura feminista e inclusiva, onde a mirada das mulleres e das persoas disidentes ocupa un lugar central. O programa propón un percorrido arriscado e heteroxéneo, onde conviven novas voces e grandes figuras, descubrimentos e consagracións, facendo do festival unha fiestra aberta ao mellor cinema contemporáneo que, en moitas ocasións, non chega ás salas comerciais.
Cineuropa consolidouse como unha proposta de pensamento crítico, de diálogo e de encontro cultural. Non é só unha mostra de películas, senón un acto social e democrático, un espazo de resistencia ante a uniformidade e a censura. O festival aposta pola riqueza de estilos e sensibilidades, dando visibilidade ás mulleres que fan posible o cinema desde unha perspectiva transformadora, ás produtoras que asumen riscos, guionistas que reinventan historias xa escritas ou crean novos mundos e actores e actrices que poñen ao servizo dos personaxes a súa emoción e o seu talento. O cinema galego continúa a ocupar sección propia nesta programación, cineastas que exploran novos territorios e expanden os límites da linguaxe cinematográfica dende Galicia cara ao mundo como Ángel Santos, Antonio Caeiro ou Andrea Zapata-Girau.
Nesta trixésimo novena edición, o amor é o fío que une películas e olladas. Un amor afastado do tópico romántico e das representacións patriarcais que tantas veces o cinema fixo propias. Un amor que rompe cos moldes, que se expande e se transforma, abríndose a múltiples formas de vínculo: o amor á vida e ás súas imperfeccións, á amizade, á familia propia ou elixida, aos corpos e ás diferenzas. E, sobre todo, o amor ao propio cinema —ao acto de ver, pensar e sentir conxuntamente fronte á pantalla—. En tempos de consumo individual e fragmentado, o festival quere reivindicar a experiencia colectiva de asistir ao cine, de participar desa liturxia compartida que converte cada proxección nun acto de comunidade e resistencia. Porque amar o cinema é tamén amar o feito de vivilo en comunidade, de achegarse ás salas, sentarse nas butacas e deixar que as historias nos transformen.
Cidade de encontros e camiños, como cada novembro, Compostela volve transformar as súas rúas e as súas salas nun territorio de cinema, onde as imaxes e as ideas circulan libremente, e onde o público se atopa, reflexiona e dialoga sobre filmes chegados de calquera punto de Europa mais tamén de Tailandia, Iraq, Brasil, México, China ou Xapón. Cintas galardoadas en festivais referentes como unha das revelacións deste ano en Cannes, Sound of falling, da alemá Mascha Schilinski que recibiu o Premio do Xurado; La petite dernière dunha das voces máis comprometidas do cinema francés Hafsia Herzi, pola que Nadia Melliti obtivo o premio á mellor actriz; ou La Tour de glace da cineasta premiada na última edición de Curtocircuíto, Lucile Hadžihalilović, gañadora do Oso de Prata á Mellor Contribución Artística na Berlinale e mellor filme Zabaltegi-Tabakalera do Festival de San Sebastián, entre moitas outras, amosan o vigor das voces femininas no cinema contemporáneo.
Cineuropa mantense firme na súa defensa da diversidade, do desafío aos canons establecidos e da promoción do diálogo, da reflexión e da emoción compartida. O festival entende o cinema como un espazo vivo e necesario para ver, comprender e amar o mundo que habitamos. Por iso, as pantallas do Teatro Principal, do Salón Teatro, de NUMAX e do Auditorio de Galicia enfrontarannos a filmes sobre a violencia, a desromantización do amor, a moda, as relacións familiares, a vulnerabilidade, os roles sociais, a insubmisión, a memoria ou a identidade dirixidos por cineastas como Alice Winocour, Hana Jušić, Johanna Moder, Adriana Páramo, Lucía Dapena, Isaki Lacuesta, Paolo Sorrentino, Olivier Assayas, François Ozon ou Jim Jarmusch, por citar algúns.
Os premios Cineuropa recoñecerán tres cineastas que personifican compromiso e independencia creativa. Jaione Camborda, voz fundamental do novo cinema galego, símbolo dunha xeración que narra desde a terra e en feminino; o director palestino Kamal Aljafari, que constrúe imaxes fronte ao esquecemento e amosa o poder do cinema como xesto político e memoria viva erguéndose, ante o xenocidio palestino, como acto de dignidade e resistencia; e Jonás Trueba, recoñecido pola súa aposta polo cinema de carácter íntimo e colectivo, pola súa confianza nas pequenas historias e na forza das novas xeracións que seguen a filmar desde o risco e a verdade.
Así, Cineuropa continúa sendo unha cita cultural imprescindible grazas ao inestimable apoio do Consorcio da Cidade de Santiago e da Deputación da Coruña así como a colaboración de entidades de Compostela, ás que trasladamos o noso fondo agradecemento.
Grazas ao entusiasmo e fidelidade do público, Cineuropa convértese nun lugar de conexión con outras persoas e con nós mesmas no que asoman filmes que integran unha programación que invita a pensar, a sentir e, sobre todo, a reivindicar a igualdade, a pluralidade e o dereito a ocupar o mundo dende calquera perspectiva, en definitiva, a comprender mellor o noso tempo.
Non deixedes pasar a oportunidade de vivir esta nova edición que vos espera con experiencias cinematográficas únicas. Como cada ano, namorádevos do cinema e da liberdade que o fai posible!
Goretti Sanmartín Rei
Alcaldesa de Santiago de Compostela
