No ano 2000, Cineuropa sorprendeu a propios e estraños coa entrega dos primeiros Premios Cineuropa. Tres foron os galardóns outorgados, os Miróns, creados ex professo polo escultor compostelán José Francisco López, Francés. O primeiro foi para a actriz Marisa Paredes, que recibía o seu Mirón de mans da presentadora Ana García-Siñeriz na gala inaugural. E é que nesta décimo cuarta edición, Canal Plus colaborou estreitamente co noso festival. Tras da gala, proxectouse El Coronel no tiene quien le escriba, de Arturo Ripstein, protagonizada pola galardoada.
O director José Luis Borau, figura fundamental do cinema español, recibiu o 9 de novembro o segundo dos Premios Cineuropa, previamente á proxección de Leo e Furtivos, os seus dous filmes máis recoñecidos. Por fin, o distribuidor Emilio Baños foi o terceiro premiado desa edición, en recoñecemento ao seu imprescindible labor de distribución e difusión do cine galego.
A programación compúxose de 68 películas que se exhibiron no teatro Principal entre o 1 e o 30 de novembro. Grandes triunfadoras nos grandes festivais internacionais, como Amores perros, de Alejandro González Iñárritu, A carta, de Manoel de Oliveira, ou Beautiful People, de Jasmin Dizdar, compartiron cartel con clásicos como La gran Ilusión, de Jean Renoir, ou Cayo largo, de John Huston.
As sete películas que tiveron en vela os espectadores do Principal na noite do maratón foron: Nationale 7, de Jean-Pierre Sinapi; The last days of disco, de Whit Stillman; Blood for Dracula, de Paul Morrisey; Bulworth, de Warren Beatty; Existenz, de David Cronenberg; Celos, de Vicente Aranda e Asediada, de Bernardo Bertolucci.