Cineuropa chegou á súa 25ª edición en 2011. 141 foron os filmes proxectados entre o 9 de novembro e o 2 de decembro de 2011. Nas pantallas do Principal, do Salón Teatro, do CGAC e da Sede Novagalicia, fluíron as historias dos mellores cineastas: Bela Tarr, Shion Sono, Bruno Dumont, Bertrand Bonello, Aki Kaurismaki, Aleksandr Sokurov, Valérie Donzelli, os irmáns Dardenne, Isaki Lacuesta, Jerzy Skolimovsky ou Hirokazu Kore-Eda, entre outros. E é que, como anunciaba José Luis Losa, director do festival, “en tempos difíciles coma estes, non parece a quietude a mellor solución. Por iso as imaxes en torno ás cales xira a viaxe desta XXV edición de Cineuropa levan a sinatura de aventureiros ou visionarios do cambio”.
Tamén foi un aniversario moi especial en canto aos premiados: na gala de inauguración recibiu o galardón Aitana Sánchez-Gijón, nunha cerimonia presentada pola actriz galega María Vázquez. A continuación, proxectaríase Oviedo Express, unha das mellores comedias españolas da última década, dirixida por Gonzalo Suárez e protagonizada por Sánchez-Gijón. O segundo premiado da edición foi Jorge Drexler, gañador dun Oscar e un Goya pola súa música para o cine. O cantautor presentou no concerto que ofreceu tras a gala, o seu novo espectáculo audiovisual Mundo Abisa, que complementou con outras cancións compostas para o cinema para festexar a entrega do premio.
Por fin, máis de quince horas de cine pecharon o festival cun maratón de título Terapias de shock. Os reis do freak cinema. As nove películas proxectadas foron: Carabás, curta de Francisco Calvelo; Guilty of romance, de Shion Sono; Ai no mukidashi (Love exposure) de Shion Sono; Susan in red, curta de Franck Giordanengo; Hors Satan, de Bruno Dumont; The wicker man, de Robin Hardy (película sorpresa); Cold fish, de Shion Sono; Attack the block, de Joe Cornish; e L’humanité (A humanidade), de Bruno dumont.