Foron 63 as películas proxectadas no teatro Principal entre os días 1 e 30 de novembro de 1999. Tratábase da décimo terceira edición de Cineuropa. Pasaron por aquí algúns dos filmes máis premiados nos grandes festivais como El viento nos llevará, de Abbas Kiarostami (Gran Premio do Xurado e Fipresci en Venecia), ou A eternidade e un día, de Theo Angelopoulos (Palma de Ouro de Cannes o ano anterior). Por outra banda, 1999 foi un ano prolífico en cine social e tiñamos que aproveitar esa circunstancia para compartir uns cantos filmes cargados de sensibilidade pero sen sentimentalismos, relatos honestos e reais como Lamerica, de Gianni Amelio; La vendedora de rosas, de Víctor Gaviria: Rosetta, dos irmáns Dardenne; Le gone du Chaâba, de Christophe Ruggia; Don, de Abolfazl Jalili; ou Hoxe empeza todo, de Bertrand Tavernier, entre outras.
A gañadora do Premio do Público do festival foi Buena Vista Social Club, de Wim Wenders, un relato sobre a vida musical de La Habana coa impecable e belísima factura á que o alemán nos ten acostumados.
Por fin, oito filmes conformaron esa noite de cine que foi o maratón da décimo terceira edición: Unha loira auténtica, de Tom DiCillo; Disonancias, de Ignacio Vilar; A caixa china, de Wayne Wang; Buena Vista Social Club, de Wim Wenders; Heart, de Charles McDougall; Cube, de Vincenzo Natali; A trama, de David Mamet; e Centauros do deserto, de John Ford.