Cineuropa naceu en 1987 como unha mostra cinematográfica incluída nos “Encontros Europeos do Camiño de Santiago”, un amplo e ambicioso programa cultural onde cinema, pintura, música e todo tipo de manifestacións artísticas tiñan cabida.
Aquel primixenio Cineuropa celebrouse entre os días 24 e 30 de outubro nos xa desaparecidos Multicines Valle Inclán. A historia de Europa no cinema foi o fío condutor dunha programación composta por 20 filmes. Unha sesión musicalizada en directo de Carmiña, flor de Galicia, de Rino Lupo (1926), deu o pistoletazo de saída a unha mostra cuxas liñas principais constituíron os cimentos do actual Cineuropa. Por unha banda, o interese cara o cinema inédito en salas comerciais. Por outra, o emblemático maratón.
Durante esta mostra proxectouse a primeira edición do maratón, dividido en dúas xornadas e composto polas películas En busca del fuego de Jean-Jacques Annaud, Paseo por el amor y la muerte de John Huston, Alexander Newsky de Sergei M. Eisenstein, Galileo Galilei de Liliana Cavani, Danton de Andrzej Wajda e Napoleón de Abel Gance na xornada do día 29 e El gatopardo de Luchino Visconti, La mitad del cielo de Manuel Gutiérrez Aragón, Messidor de Alain Tanner, Tema de Gleb Panfilov e Kamikaze 1999 de Luc Besson na xornada do día 30.