A cita coa 24ª edición comezou o 10 de novembro de 2010 coa proxección de Neds, de Peter Mullan, Cuncha de Ouro en San Sebastián. De aí ata o 3 de decembro, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia, a Sede Fundación Caixa Galicia, o CGAC e a Sala Nasa serían as sedes de exhibición de 139 películas. A gañadora do premio do público foi a oscarizada In a better world, de Susanne Bier, pero tamén puidemos gozar do último de Abbas Kiarostami, Jean-Luc Godard, José Luis Guerín ou Hirokazu Koreeda, entre moitos outros. Tamén houbo espazo para o cine galego de nomes xa coñecidos como Lois Patiño, Alberte Pagán, Peque Varela, Eloy Enciso ou Marcos Nine.
O 26 de novembro celebrouse a primeira das dúas galas Cineuropa desa edición. Pilar López de Ayala foi a primeira galardoada pola súa aposta polo cinema máis valente, máis independente e libre. A continuación, proxectouse O estraño caso de Angélica, protagonizada pola premiada e dirixida por Manoel de Oliveira.
Oliver Laxe foi o segundo premiado no 2010. Na gala do día 30, Laxe presentou a súa ópera prima, Todos vós sodes capitáns, que viña de gañar en Cannes o premio da crítica internacional (FIPRESCI) da Quincena de Realizadores.
A noite de maratón, titulada Skalofrío, comezou con tres videoclips de Javi Camino: Nuestra fe en el veneno, Amigos del género humano, e Corpus vídeo; e continuou coas longametraxes Ichi the killer, de Takashi Miike; Tras el cristal, de Agustí Villaronga; Martyrs, de Pascal Laugier; Enter the void, de Gaspar Noé; unha película sorpresa; Bilbao, de Bigas Luna; e Shivers (they came from within), de David Cronenberg.