Skip to main content

Entramos xa na recta final da 35a edición do Festival Cineuropa con dúas propostas formativas que farán as delicias de toda a familia. Trátase de Proxecto Remolque e Paper Cinético, dous obradoiros que dun xeito ameno e pracenteiro introducirán ao público asistente na orixe das primeiras creacións cinematográficas. Proxecto Remolque é un obradoiro de cinema expandido para toda a familia dirixido polo cineasta e proxeccionista Cris Lores, quen ensinará ao público asistente a realizar as súas propias películas en celuloide reutilizando vellos (e belos) tráileres de 35 mm. Un xeito divertido e enxeñoso de coñecer a historia do cinema. Esta oportunidade de manipular e experimentar con material fílmico terá lugar o sábado 20 ás 12 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

O domingo será a cineasta e artista Belén Veleiro quen tome o relevo ás 12 h na mesma Sala Mozart. A súa proposta, titulada Paper Cinético, reflexiona sobre o “papel” do papel no cinema explorando as infinitas posibilidades deste formato que permite transformar, entre outras cousas, a bidimensionalidade dunha folla de papel nun obxecto tridimensional en movemento. Con este material, o público asistente terá a oportunidade de crear a súa propia cámara escura (un aparello óptico que recibe imaxes do exterior facéndoas visibles no interior da mesma), e un zoótropo xigante, o xoguete máis popular de comezos do século XX e un dos avances para a aparición do cinema.

A entrada para ambas as dúas actividades é de balde previa retirada de convite na web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C.

No que respecta á programación cinematográfica desta fin de semana, cómpre salientar os últimos pases de varios dos filmes estrela desta edición. Tal é o caso de Un heroe, filme de Asghar Farhadi que recibiu o gran premio do xurado (ex aequo) no Festival de Cannes 2021 e que terá o seu último pase o sábado ás 16.30 h no Teatro Principal; ou Ali & Ava (sábado ás 16 h no Salón Teatro), un filme de realismo social dirixido por Clio Barnard que foi estreado na Quincena de realizadores; tamén do novo de Jonas Carpignano, A Chiara (sábado ás 18 h no Salón Teatro), que vén de ser distinguido no Festival de Sevilla á mellor dirección por este poético relato de iniciación; ou o segundo filme de ficción do tamén escritor Emmanuel Carrère, Nun peirao de Normandía (domingo ás 20:15 h no Teatro Principal), gañador do premio do público na recente edición de San Sebastián.

Con todo, aínda quedan días de festival, o que significa que aínda queda tempo para as estreas. O sábado ás 21:15 h, o Teatro Principal ofrecerá a oportunidade de ver en pantalla grande por vez primeira o filme gañador dos premios ao mellor guión e premio FIPRESCI no Festival de Cannes. Trátase de Drive my car, un admirable drama filmado polo xaponés Ryûsuke Hamaguchi, autor da multipremiada Asako I & II. A estrea do premio FIPRESCI da crítica no Festival de Berlín tamén terá lugar no Teatro Principal ás 19 h deste sábado; Alexandre Koberidze materializa en Que vemos cando miramos ao ceo? un fermoso romance cheo de poesía e beleza marabillosamente fotografado. O novo dun dos autores imprescindibles neste festival, o francés François Ozon, chegará á pantalla do Teatro Principal o domingo ás 18 h. Trátase de Todo foi ben, un sobrio drama familiar protagonizado por Sophie Marceau que pon o foco no debate aberto sobre a eutanasia. Tamén este domingo terá lugar a estrea de Silent night, a formidable ópera prima de Camille Griffin, un filme descuberto no Festival de Sitges preñado de humor e intelixencia que mestura o terror apocalíptico co subxénero do cinema vacacional.

Finalmente tamén é preciso salientar o pase especial en sesión continua da triloxía de Las Sinsombrero, tres documentais imprescindibles que reivindican o talento das pouco coñecidas e recoñecidas mulleres artistas e escritoras pertencentes á Xeración do 27. A sesión dará comezo ás 17 h deste domingo na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e contará coa presenza dunha das directoras: Tània Balló.