Skip to main content

Nesta penúltima xornada non podía faltar outra das citas obrigadas de Cineuropa: a proxección da película sorpresa. Como cada ano, iranse proporcionando pistas do filme ao longo do día ata o comezo da sesión, que será ás 22 h no Teatro Principal. Para coñecer estas pistas, a organización remite ás súas redes sociais, non sen antes destacar que o filme sorpresa desta edición é unha das obras máis salientables da tempada; a súa participación nun dos grandes certames internacionais así o pon de manifesto.

Outro dos pratos fortes da xornada é a estrea de Malencolía, que terá lugar no Salón Teatro ás 19:30 h. Malencolía, que será proxectada en sesión continua coa curtametraxe Flanèur en Compostela, é o novo filme do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, flamante gañador dun dos Premios Cineuropa da pasada edición e membro do xurado oficial desta primeira edición competitiva. Zarauza experimenta nesta ocasión co xénero de terror, mesturándoo coa rica tradición cultural galega e zarrapicándoo con certas doses de humor. No filme participan intérpretes como Melania Cruz, Xulio Abonjo, Iolanda Muíños, Diego Anido, Marta Lado, X.A Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Deborah Vukusic. O pase contará coa presentación do mesmo Zarauza e boa parte do equipo.

Entre a programación deste martes tamén cómpre salientar os últimos pases de La Civil, de Teodora Mihai, un filme baseado na historia de loita da activista mexicana Míriam Rodríguez (Salón Teatro ás 22 h); Onoda (ás 18:45 h no Teatro Principal), de Arthur Harari, un filme bélico na mellor tradición do cinema clásico que formou parte da sección Un Certain Regard de Cannes; ou Que vemos cando miramos ao ceo?, a segunda longametraxe do xeorxiano Alexandre Koberidze, que foi distinguido co premio FIPRESCI da crítica no Festival de Berlín e que poderemos ver ás 16:30 h deste martes no Salón Teatro.