Skip to main content

O escritor, profesor, teórico e cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) é o autor referencial do cinema experimental galego. Como escritor publicou A voz do Trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake, ensaio sobre a derradeira novela de James Joyce, a quen tamén traduciu ao galego; e varios libros sobre cinema experimental, eido no que destaca como escritor e cineasta. É tamén autor do poemario Prosopagnosia (2013) e das pezas teatrais agrupadas no libro Como foi o conto e outras peças teatrais (2013), inspiradas en cinco das súas películas. En 2015 publicou a novela Percorridos por unha teoría do desexo. Programou e comisariou exposicións sobre cinema experimental e realizou máis de 30 filmes. Bs. As., película que acompañará á homenaxe que lle dedica Cineuropa, recibiu o premio Foco Galicia ao mellor documental galego de 2006, e o II Premio de Cine-Ensaio Román Gubern da Universidade de Barcelona. Pó de estrelas foi recoñecida como unha das mellores curtas españolas de 2007. Tanyaradzwa (2008) foi distinguido co premio ao mellor documental galego no Festival Play-Doc de Tui en 2010 e foi finalista do IV Premi de Cinema Assaig da Universidade Autónoma de Barcelona. O Teatro Principal de Santiago de Compostela abrirá as súas portas este xoves 18 de novembro ás 20 h para recibir e homenaxear ao nome máis importante do cinema experimental galego: Alberte Pagán.

Outros eventos deste xoves en Cineuropa

Nesta xornada poderemos conversar con dúas directoras sobre os seus filmes. Por unha banda, estará Belén Verdugo, directora do documental La muerte más cruel, un filme que pon o foco no falecemento de máis de 30.000 persoas nas residencias estatais por causa do Covid-19. Verdugo conta o que ocorreu, cos testemuños dos familiares que perderon aos seus seres máis queridos, os traballadores dos centros e expertos de todo tipo, desde xuristas a psicólogos. Por outra banda, contaremos coa presenza de Micaela Gonzalo, directora de La chica nueva, filme arxentino que entrelaza destramente o drama familiar e social remitindo ao mellor cinema dos irmáns Dardenne ou Ken Loach. Ambos os dous encontros terán lugar nos Multicines Compostela ás 19.30 h e 21.30 h respectivamente.

Este xoves tamén terá lugar outra das citas obrigadas dos últimos anos en Cineuropa. Trátase do concerto da Real Filharmonía de Galicia, que nesta 35a edición creará a atmosfera perfecta para gozar do filme O peregrino (1923) de Charles Chaplin cos cinco sentidos. A música, composta polo mesmo cineasta, foi restaurada por Timothy Brock en 2002, quen ademais dirixirá o concerto.