Skip to main content

O público de Cineuropa emitiu coas súas votacións o seu veredicto e hoxe coñecemos por fin cales son as películas máis valoradas desta 33ª edición de Cineuropa!

O filme danés Dronningen (Queen of hearts), asinado pola directora May El-Toukhy, foi o vencedor na sección oficial europea cunha historia que aborda a desestabilización dunha familia cando chega un novo membro. A película tamén conseguira o premio do público na categoría de drama (world cinema) no festival de Sundance.

 

Na sección oficial internacional, a película que acadou máis apoio do público foi Papicha, unha coprodución entre Alxeria, Francia e Bélxica da realizadora Mounia Meddou. O filme sitúase en Alxeria en 1997 para contar a historia da protagonista, unha muller que decide loitar pola súa liberdade mentres a sociedade se volve cada vez máis conservadora. A película participou na sección oficial Un Certain Regard do Festival de Cannes.

 

Outra directora conseguiu tamén o galardón da sección DocsCineuropa. A siria Waad Al-Khateab alzouse co premio por For Sama, un documental que asina con Edward Watts filmado en Alepo durante a guerra de Siria. Nel, unha muller nova loita para unir o amor, a guerra e o seu papel como nai durante cinco anos nun contexto de guerra. A súa historia recibiu ao premio L’oeil d’or do festival de Cannes.

 

O premio na categoría Latidoamericano foi para o guatemalteco Jayro Bustamante por La llorona. A historia narra como Enrique, un xeneral retirado, é absolto nun xuízo por un xenocidio que si cometeu.

 

A súa nova ama de chaves planea vingarse para reparar un ditame que considera inxusto. Por último, a película española Un día máis con vida, de Raúl de la Fuente e Damian Nenow, baseada no libro homónimo de Ryszard Kapuscinski, recibiu o premio na categoría Animaeuropa, a sección oficial que se estrea nesta edición.

 

Premios do Xurado Novo

Pola súa banda, o Xurado Novo do festival tamén deu a coñecer o seu palmarés, no que distinguiu á mellor película, dirección, guión e intérpretes. Zombi child foi recoñecida como mellor longametraxe desta edición, na que o tribunal outorgou o galardón á mellor dirección a Abbas Fahdel polo seu traballo en Yara. O premio ao mellor guión recaeu no texto de Bashtata (The father), escrito a catro mans por Kristina Grozeva e Petar Valchanov, mentres que Mariana di Girolamo foi recoñecida como mellor intérprete feminina polo seu papel protagonista en Ema. Finalmente, Alessandro Antonelli e Pietro Orlando obtiveron ex aequo o galardón ao mellor actor polo documental Selfie.

O Xurado Novo conformárono Xoán Domínguez San José, Celia Eiras Rubín, Ángel López Rivas, Sara Salgado Quinteiro, Pedro Silva Castromil, Valeria Vázquez Domínguez e Aranxa Vicens.