A cerimonia de entrega do galardón terá lugar no Teatro Principal a partir das 19.30 horas
Ao remate do acto, proxectarase o filme ‘Sobre todo de noche’, dirixido por Víctor Iriarte e protagonizado pola actriz
A entrada á sesión é de balde previa retirada de convites que xa están dispoñibles en compostelacultura.gal e nos despachos de billetes do Teatro Principal e a Zona C· Punto de información cultural
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023.- A 37ª edición do Festival Internacional Cineuropa distingue a traxectoria de Ana Torrent, a actriz que sendo unha nena petou na porta no cinema estatal e na memoria do público cos seus olliños espertos para despois facerse un lugar de seu través de coidadas e interpretacións cheas de profundidade. 50 anos despois daquela primeira actuación en El espírito de la colmena de Víctor Erice, Torrent vive un momento profesional extraordinario que, en paralelo ao seu traballo nos escenarios teatrais, fai coincidir unha nova colaboración con Erice no filme Cerrar los ojos (2023) e a presentación da película Sobre todo de noche (2023), de Víctor Iriarte.
A alcaldesa Goretti Sanmartín será a encargada de entregarlle o premio Cineuropa nun acto que contará tamén coa intervención do director do festival, José Luis Losa, e coa presenza da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, para alén da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e de integrantes da Corporación municipal.
A entrada para a sesión, que inclúe a proxección do filme Sobre todo de noche é de balde previa retirada de invitacións que xa están ao dispor do público no portal de Compostela Cultura e nos despachos de billetes do Teatro Principal e da Zona C · Punto de Información Cultural.
Ana Torrent, por José Luis Losa
“Este 2023 posúe unha significación especial para a carreira de Ana Torrent. Pecha un círculo inaugurado hai medio século. Xunto a Víctor Erice, que a situou diante da cámara para que coñecese a poética e a fascinación das imaxes en movemento. Cincuenta anos despois de aprender que o cine era unha ponte de prata para fuxir de ásperas realidades, Ana Torrent asiste en Cerrar los ojos a outra verdade revelada: a pantalla aberta como sanación, como revivificación emotiva. A ese universo case místico retorna a actriz para concelebrar aquela súa infancia, agora recuperada, que conmoveu o mundo. E prodúcese isto no mesmo tempo no que Víctor Iriarte lle ofrenda a Ana unha personaxe delicada e tamén sanadora. A segunda nai dun neno roubado nese xeito de relatar ese acto de xustiza histórica e de reparación dunha ferida aberta que é Sobre todo de noche. De novo, o cine como maxia recompoñedora de emocións rotas. O que vai da inocencia truncada daquela nena-médium que Erice descubriu a esta muller de miradas sabias que seguen crendo na sala ás escuras e na luz para operar milagres ou pagás cirurxías da alma” (José Luis Losa, no catálogo da 37ª edición de Cineuropa).
Sobre todo de noche (2023)
Ana Torrent, Lola Dueñas e Manuel Egozkue encabezan o elenco de Sobre todo de noche, o filme polo que Víctor Iriarte se fixo co Premio FIPRESCI da crítica internacional na SEMINCI de 2023. Con guión de Isa Campo, Andrea Queralt e o propio Iriarte, e cun equipo de produción do que forma parte Isaki Lacuesta, a película propón un relato de vinganza e violencia a partir dun crime real acontecido en España, que atravesa o melodrama íntimo construído arredor dun fillo, Egoz –interpretado por Manuel Egozkue– e as dúas dúas nais, a biolóxica, Vera –á que pon corpo e voz por Lola Dueñas– e a adoptiva, Cora –interpretada por Ana Torrent. María Vázquez, Katia Borlado e Lina Rodrigues completan o cadro actoral dun filme que conta coa dirección de fotografía de Pablo Paloma, a dirección de arte de Izaskun Urkijo, a montaxe de Ana Pfaff e música de Maite Arroitajauregi.
Sobre o motivo que o levou a recrear esta historia para o cinema, Víctor Iriarte explica en conversa con Isaki Lacuesta: “Lin esa noticia breve hai algúns anos e aquela historia quedáraseme moi dentro. Publicouse no xornal El País en febreiro de 1996 e dicía así: 50 antigos alumnos dun orfanato descobren quen son as súas nais biolóxicas ao recibir unha serie de cartas anónimas. Un sospeitoso acusado de roubar os arquivos da institución. O caso interesoume por dúas razóns moi poderosas: primeira, pola súa vinculación directa coa historia negra da España do Franquismo e da Transición. Durante os últimos anos da ditadura e o inicio da democracia, o roubo de bebés a mulleres foi unha práctica amparada polo sistema xudicial postfranquista. As asociacións calculan que entre 1940 e os anos 90, preto de 300.000 bebés foron roubados en España. Sobre todo de noche propón un relato que está atravesado por un dos crimes máis horrendos da historia española recente, e que ademais nunca puido ser xulgado. Neste sentido, é unha película política, un exercicio de memoria, verdade e reparación que utiliza as ferramentas do cinema negro e do melodrama para contar a historia destas dúas mulleres enfrontadas ao seu destino. A segunda razón tiña que ver coa dimensión humana desta historia”. (Conversa entre Víctor Iriarte e Isaki Lacuesta recollida no pressbook de Sobre todo de noche).
>>> Máis información sobre programación e entradas nas webs de Cineuropa e Compostela Cultura.