Do 10 de novembro ao 3 de decembro de 2010

A cita coa 24ª edición comezou o 10 de novembro de 2010 coa proxección de Neds, de Peter Mullan, Cuncha de Ouro en San Sebastián. De aí ata o 3 de decembro, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Aula Sociocultural de Caixa Galicia, a Sede Fundación Caixa Galicia, o CGAC e a Sala Nasa serían as sedes de exhibición de 139 películas. A gañadora do premio do público foi a oscarizada In a better world, de Susanne Bier, pero tamén puidemos gozar do último de Abbas Kiarostami, Jean-Luc Godard, José Luis Guerín ou Hirokazu Koreeda, entre moitos outros. Tamén houbo espazo para o cine galego de nomes xa coñecidos como Lois Patiño, Alberte Pagán, Peque Varela, Eloy Enciso ou Marcos Nine.

O 26 de novembro celebrouse a primeira das dúas galas Cineuropa desa edición. Pilar López de Ayala foi a primeira galardoada pola súa aposta polo cinema máis valente, máis independente e libre. A continuación, proxectouse O estraño caso de Angélica, protagonizada pola premiada e dirixida por Manoel de Oliveira.

Oliver Laxe foi o segundo premiado no 2010. Na gala do día 30, Laxe presentou a súa ópera prima, Todos vós sodes capitáns, que viña de gañar en Cannes o premio da crítica internacional (FIPRESCI) da Quincena de Realizadores.

A noite de maratón, titulada Skalofrío, comezou con tres videoclips de Javi Camino: Nuestra fe en el veneno, Amigos del género humano, e Corpus vídeo; e continuou coas longametraxes Ichi the killer, de Takashi Miike; Tras el cristal, de Agustí Villaronga; Martyrs, de Pascal Laugier; Enter the void, de Gaspar Noé; unha película sorpresa; Bilbao, de Bigas Luna; e Shivers (they came from within), de David Cronenberg.

Pilar López de Ayala

A actriz madrileña Pilar López de Ayala comezou a súa carreira na televisión. Axiña deu o salto ao cine con Báilame el agua, de Josecho San Mateo, aínda que o recoñecemento lle chegaría con Besos para todos, de Jaime Chávarri (pola que foi candidata ao Goya) e, sobre todo, grazas a Juana la Loca, de Vicente Aranda, que si lle valeu tanto o Goya como a Cuncha de Prata en San Sebastián. Despois virían Obaba, de Montxo Armendáriz; Alatriste, de Agustín Díaz Yanes; En la ciudad de Sylvia, de José Luis Guerín, ou Las 13 rosas de Emilio Martínez Lázaro, entre outras, todas elas caracterizadas pola brillante interpretación de Pilar.

Oliver Laxe

Fillo de inmigrantes galegos, Oliver Laxe naceu en París en 1982. Licenciouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona antes de mudarse a Londres, onde comezou a súa carreira cinematográfica. En 2009 proxectouse en Cineuropa Luz Branca, avance do que logo se convertería na súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, coa que acadou en Cannes o premio da crítica internacional (FIPRESCI) da Quincena de Realizadores. A pesar do éxito da súa ópera prima, costoulle cinco anos sacar adiante a súa segunda longametraxe, Mimosas, que obtivo o Premio Semana da Crítica no Festival de Cannes.