Do 1 ao 30 de novembro de 1997

Foron 64 as películas programadas entre o 1 e o 30 de novembro de 1997, baixo os auspicios dun Cineuropa que celebraba a súa undécima edición. Andrzej Wajda, Deepa Mehta, Julian Schnabel, os irmáns Luc e Jean-Pierre Dardenne, Shôhei Imamura e Abbas Kiarostami foron só algúns dos cineastas que pasaron pola pantalla do Teatro Principal.

O Premio do Público foi para Hamlet, de Kenneth Branagh, unha das máis exquisitas adaptacións da obra shakesperiana, que destacou entre unha programación comprometida coa historia e o propio cine como manifestación artística. Naquel 1997 quixemos homenaxear tamén a James Stewart, Robert Mitchum e Pilar Miró, que faleceran ese mesmo ano.

E como viña sendo habitual, un maratón clausurou o festival. Sete foron as películas que o conformaron: Muriel’s Wedding, de Paul Hogan; Wolf, de Mike Nichols; ¿Quién puede matar a un niño?, de Narciso Ibáñez Serrador; Killing Zoe, de Roger Avary; Pink flamingos, de John Waters; Les amants du Pont-Neuf, de Léos Carax; e Un lugar en el mundo, de Adolfo Aristarain.