Do 31 de outubro ao 12 de novembro de 1990

O Cineuropa de 1990 abriuno Cielo e Infierno, de Morten Arnfred, que resultou ser a favorita do público na edición do ano anterior. As sedes desta edición foron o Teatro Principal e o Cine Yago, que deus teña na súa gloria. Aquel 1990 tivemos novamente a Peter Greenaway no cartel, que xa estivera presente nas dúas edicións anteriores. Tamén repetía Federico Fellini con dúas películas e debutaba o noso querido Emir Kusturica, que volvería por Cineuropa con varias películas máis en edicións posteriores.

Outros nomes salientables nesta edición foron André Téchiné, Doris Dörrie, Douglas Sirk, Krzysztof Kieslowski, Mehdi Charef, Otto Preminger ou Rouben Mamoulian entre outros. Así e todo: a gañadora do Premio do Público resultou ser a deliciosa Nos habíamos querido tanto, de Ettore Scola.

O tradicional maratón de Cineuropa contou cos seguintes filmes: El quinteto de la muerte de Alexander Mackendrick, El equívoco de Alan Bridges, Las cosas del querer de Jaime Chávarri, Pandora y el holandés errante de Albert Lewin, Función privada de Malcolm Mowbray, Pasiones en Kenia de Michael Radford, Mañana sucederá de Daniele Luchetti e Las tentaciones de Benedetto de Nino Manfredi.