• A homenaxe ao cineasta compostelán terá lugar este domingo 22 de novembro, ás 20 h, no Teatro Principal.
  • O acto, que inclúe a estrea de Ons, proxectarase de xeito simultáneo na sala Mozart do Auditorio de Galicia.

En 2008, este Festival abría as súas portas coa estrea da ópera prima de Alfonso Zarauza, A noite que deixou de chover. Doce anos despois, a 34ª edición de Cineuropa clausúrase coa estrea de Ons, a última película do cineasta compostelán, que recibirá tamén o último dos Premios Cineuropa outorgados este ano. O Festival premia así a un dos directores galegos máis recoñecidos da actualidade, mais tamén a un dos seus asistentes máis fieis e ao cineasta que mellor retrata a súa cidade —a nosa cidade—, “como a Roma mitificada por Fellini”, en palabras de José Luis Losa. O acto contará coa presenza do Deputado Provincial de Contratación, Patrimonio Provincial e Equipamento, Xosé Lois Penas, o actor Antonio Durán ‘Morris’, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e varios membros da corporación municipal.

Tras a entrega do Premio Cineuropa a Alfonso Zarauza, comezará a proxección de Ons, que celebra a súa estrea galega no marco deste festival proxectándose de xeito simultáneo en dúas salas: o Teatro Principal compostelán e a sala Mozart do Auditorio de Galicia. O novo filme de Zarauza, que celebrou o seu debut mundial no recoñecido Festival de Cinema Europeo de Sevilla, conta coas interpretacións de Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xúlio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado, Diego Anido, Cris Iglesias e Miguel de Lira. A historia, ambientada nas marabillosas paraxes da illa de Ons, xira ao redor de Vicente e Mariña, unha parella en crise que afronta a súa estancia na illa como un bálsamo para o seu matrimonio. Cando, tras un naufraxio en medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller estranxeira aparece na illa e irrompe nas súas vidas, todo deixa de ser o que era. En definitiva, e segundo o seu propio director, «Ons é unha película que fala do amor, pero non do amor na súa vertente máis banal e tópica, senón de todo aquilo que necesitamos e de todo aquilo do que carecemos cando amamos».