O maratón foi un dos eventos máis botados en falta na pasada edición do festival, e tamén un dos máis queridos pola organización, xa que materializa á perfección esa idea de gozar do cinema en sala como experiencia colectiva. Así que o seu retorno era un dos anuncios máis agardados desta 35ª edición. Pois ás 22:15 h deste venres 19 dará comezo a gran festa do cinema coa estrea compostelana de Jacinto, o novo de Javi Camino, unha perturbadora historia que mestura comedia negra con terror rural, sangue e black metal. Tras Jacinto pasaranse outros seis filmes en sesión continua ata ben entrada a mañanciña do sábado, incluída a primeira das películas sorpresa desta edición e o último filme protagonizado por Nicolas Cage, un dos actores máis agardados sempre neste tipo de citas.
A danza tamén ocupará un espazo salientable na programación deste venres no marco do festival, formulando un suxestivo diálogo entre as diferentes artes. O espectáculo, titulado It’s a wrap (Kubrick is dead) terá lugar na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia ás 20:30 h e foi creado pola compañía La Intrusa como unha proposta cun forte sentido da fisicalidade ao servizo dunha dramaturxia multidisciplinar.
En canto á programación cinematográfica da xornada, cómpre salientar o último pase de Violation (16 h no Teatro Principal), unha historia que fará as delicias das e dos amantes do terror psicolóxico; Ali & Ava (de seguido, ás 18:15 h no Principal), un filme de realismo social que foi estreado na Quincena de realizadores; e A Chiara (no mesmo Principal ás 20:15 h) ou o novo de Jonas Carpignano, que vén de ser distinguido no Festival de Sevilla á mellor dirección por este poético relato de iniciación zarrapicado con pingas de realismo social.
O Salón Teatro acollerá, pola súa banda, o derradeiro pase nesta edición de La Caja, o filme co que Lorenzo Vigas competiu na recente edición do Festival de Venecia (ás 16 h); o primeiro pase de Petite Solange (ás 18 h), un fermoso coming of age ambientado na Francia actual; e a estrea de Un heroe, filme de Asghar Farhadi que recibiu o gran premio do xurado (ex aequo) no Festival de Cannes 2021. Todos eles son filmes para non perder.