Skip to main content
O Teatro Principal levantará o pano este venres día 4 ás 20 h. para acoller a estrea do novo da francesa Mia Hansen-Løve, que tivo a súa primicia na Quincena de Realizadores de Cannes

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022.- A 36ª edición do Festival Internacional de Cine Cineuropa abre as súas portas mañá co drama da directora francesa Mia Hansen-Løve Un beau matin (Unha bonita mañá). O filme, protagonizado por Lèa Seydoux, Pascal Gregory e Melvin Poupaud, tivo a súa primicia na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes. Mia Hansen-Løve, unha das directoras de talento máis contrastado do panorama internacional, é un nome ben coñecido en Cineuropa, onde se puideron ver obras como A illa de Bergman (2021), Un amour de jeunesse (2011) e Le père de mes enfants (2009).

En Un beau matin conflúen algúns dos leit-motivs do seu cinema: a familia e a figura paterna como fonte da memoria ou da perda. E a procura da estabilidade emocional a través dunha visión das relacións sentimentais como unha emanación do mito de Sísifo. Como unha loita contra as adversidades que ten segundos ou terceiros intentos.

Lèa Seydoux é na película unha muller á que vemos na primeira secuencia camiñando por unha rúa de París iluminada con cálidas cores. O primeiro tránsito cara o interior da súa personaxe marca unha contradición: o encontro co pai, que vai perdendo a súa folla de ruta, a súa memoria. Ela ten que soster esa dependencia —no filme hai unha aberta crítica á burocratizada sanidade pública e os seus recortes— e acompañar á súa filla sen deixar que perciba a situación do seu avó como algo tráxico. Nese contraste de luces e ocasos que está na base estrutural de Un beau matin, Lèa Seydoux comeza unha relación que vén e vai co sempre fascinante Melvin Poupaud. Na montaña rusa dese amor que a eleva para logo deixala en soidade, e nos seus xiros vemos reflectidas no rostro dela, nesas olleiras con selo de autenticidade, derivadas da súa personaxe, a súa xestión das pequenas ou grandes ilusións. Da case plenitude ao baleiro, da escuridade ao facho de luz que chega —paradoxalmente— co inverno, cando a Lèa Seydoux —como personaxe no seu ecuador vital, que ten que cargar co peso de coidar dos seus maiores e da súa descendencia— lle acompaña a consciencia de vivir a súa vida como unha negociación co pasado e coa esperanza de que cheguen fermosas novas mañás.

O Teatro Principal levantará o pano por 36ª vez para acoller o Festival Cineuropa este venres 4 ás 20 h. Ao acto de apertura asistirán a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e o director do festival, José Luis Losa, ademais doutros representantes do Concello.

A programación completa do festival —que celebrará esta fin de semana as homenaxes á actriz e cantante Ana Belén, e ao artista e cineasta Lois Patiño—, está dispoñible na web cineuropa.gal e nos catálogos que están dispoñibles na Zona C.