Skip to main content
Ana Belén, Charo López, Lois Patiño e o cineasta portugués João Pedro Rodrigues, Premios Cineuropa dunha edición que terá lugar do 4 ao 20 de novembro.
O programa desprega o mellor cinema da tempada, con nomes como Park Chan-wook, Ulrich Seidl, Paul Schrader ou Jerzy Skolimovski, e a consolidacion do festival competitivo con once longas no concurso de novas e novos cineastas.

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022.- A francesa Mia Hansen-Løve inaugura o vindeiro dia 4 de novembro a 36 edición de Cineuropa coa súa película Un Beau Matin (Unha bonita mañá), un cativador retrato do amor e da perda protagonizado por Lea Seydoux que formou parte da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Nos dezasete días de programación, o certame consolídase como festival competitivo, con once películas de novas e novos cineastas que competirán polos premios do xurado oficial, algunha delas, como a francesa Saint Omer, de Alice Diop, triunfadora xa na recente Mostra de Venecia.

Cineuropa presenta na súa Sección Oficial de Cinema Europeo e en Panorama Internacional unha amplísima escolma do mellor cinema visto esta tempada nos festivais internacionais. As sinaturas do coreano Park Chan- wook, do sueco Ruben Östlund, do polaco Jerzy Skolimovski, do español Rodrigo Sorogoyen ou do romanés Cristian Mungiu chegan procedentes do seu exitoso paso por Cannes. O veterano autor norteamericano Paul Schrader amosará o seu estimulante estado de forma con Master Gardener (O mestre xardineiro), o islandés Hlynur Pálmason sorprenderá con Godland, para moitos a gran película do ano. Outros nomes relevantes do programa son os dos franceses Rebecca Zlotowski, Alain Giraudie, Dominik Moll ou os arxentinos Santiago Mitre e Laura Citarella. Desta última poderase ver Trenque Lauquen, que fascinou na Mostra de Venecia.

O cinema español estará representada polo título máis agardado do ano, Mantícora, cuarta longa de Carlos Vermut. Especial valor terá a presenza do filme cubano El caso Padilla, no cal Pavel Giroud descobre un material de arquivo ata o de agora mundialmente inédito: as imaxes da sesión celebrada na Habana na Unión de Escritores en 1971 na que o poeta Heberto Padilla realizou a súa autoinculpación (a chamada “autocritica” no argot comunista).

Ler nota de prensa completa