Skip to main content

Premios Cineuropa

Neste 2026 Cineuropa recoñece a Felipe Lage, Laia Marull e Robert Guédiguian.

Premio Cineuropa 2026

Felipe Lage

No poema que escribiu para ser himno, ese que comeza identificando o noso país a través da paisaxe das árbores, o mar e o firmamento nocturno, Eduardo Pondal presenta unha dicotomía entre “os bos e xenerosos”, os que comprenden e comparten con ledicia a mensaxe de esperanza e liberación, de redención do pobo, fronte aos “ignorantes e férridos e duros”, os imbéciles e escuros que non entenden porque non queren entender. Porque son caciques e bestas, porque non saben doutra forma de relación humana que non consista en poñer a bota sobre a cabeza de alguén, de maneira literal ou metafórica. A chamada pondaliana á redenzón da boa / nazón de Breogán mantense hoxe igual de vixente e viva que cando foi escrita, alá en 1890. Segue sendo preciso rachar moitas cadeas, algunhas herdadas daquela e outras moitas que foron aparecendo, incluídas esas virtuais que nos illan en burbullas que dan ao esquecemento o mundo real. Ou será que as cadeas son sempre as mesmas, reencarnadas en diferentes avatares? Talvez na raíz do mal estivo sempre unha mesma e única cousa, un cóctel de falta de empatía polas outras persoas adubado cunha presada de desprezo pola ciencia, a cultura e a arte, o orgullo ignaro e fatal do “que inventen outros”. De aí veñen a cobiza, a crueldade, o odio, o gusto case luxurioso polo castigo, a incapacidade para o perdón. 

Nun tempo no que o “prime time” premia os discursos banais golsados con odio é cada vez máis doado recoñecer quen son os bos e xenerosos e quen os imbéciles e escuros. A única verdadeira polarización consiste niso, en escoller entre a decencia e a barbarie, e digámolo claro, non é nada difícil. De cando en cando podémonos equivocar, mais as máis das veces os monstros vense vir dende lonxe porque van deixando ao seu paso o regueiro de sangue da motoserra. Porén, a xente digna fai pouco ruído, móvese con discreción e entrégase sen pedir aplausos. A este valoroso clan pertence o produtor Felipe Lage, bo e xeneroso. Fai o que cre e cre no que fai e con esa actitude como guía participou na maiorías das cousas importantes que aconteceron aquí no cinema nos últimos dezasete anos, dende que no 2009 naceu Zeitun Films para apadriñar un milagre chamado Todos vós sodes capitáns. O “novo cinema galego” medrou con el atrás como motor e compás, como práctico que fai que as embarcacións cheguen a bo porto. Do seu peito colgan fabulosas medallas: Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas, A estrela errante, Lúa vermella, mais tamén Tshweesh, Sen ti ou A guerra de Miguel. Ou o que é o mesmo, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alberto Gracia, Feyrouz Serhal e Eliane Raheb, máis agora Adrián Canoura e Eloy Domínguez Serén e todas as e todos os cineastas que han de vir. O soño dun cinema de noso capaz de medirse en igualdade de condicións coa mellor creación de autor do planeta ten en Galiza un nome e apelido, Felipe Lage. Mais, para alén diso, Felipe foi e é o faro vixía que alumea os camiños de todos os demais, o amigo sempre disposto a regalar o seu tempo e o seu coñecemento para evitarlles a outros as liñas torcidas, o negociador paciente e rigoroso afeito a lidar coas bur(r)ocracias. Un activo militante do máis valioso patriotismo, un que non pode confinarse a unha pulseira: o mesmo patriotismo dos que, de Martín Sarmiento en adiante, pensaron e traballaron para espertarmos dun sono de séculos.

Martin Pawley

Premio Cineuropa 2026

Laia Marull

Laia Marull contou que Mafalda, o personaxe do xenial debuxante arxentino Quino, foi o motor de arranque da súa decisión de dedicarse á interpretación. Isto chámase autenticidade, ausencia de impostura. Outras persoas din que a súa inspiración para seren actores ou actrices foi Meyerhold e quedan tan anchas.

Seica unha tarde Laia andaba a conversar cunhas coñecidas que comezaron a falar de faceren teatro e interpretación. Ela botou a tremer. Aquela noite refuxiouse en Todo Mafalda, o libro que o seu pai lle regalara dicíndolle que era máxico e que, no caso de ter algunha pregunta, el lla respondería. Así que abriu o libro ao chou e deu cunha páxina que dicía: «De non o facerdes así, que Deus nos libre da que se vai armar». Quedou petrificada, non deu durmido e, ao día seguinte, foise apuntar a teatro.

O seu primeiro traballo de relevancia sobre as táboas non foi precisamente pracenteiro nin convidaba a durmir mellor. Nunha soberbia montaxe do Teatre Lliure, interpretou a Nena, a adolescente trémula que perdía a súa virxindade co criminal Roberto Zucco, o asasino en serie sobre o que Bernard-Marie Koltès escribiu a súa obra póstuma. Naquela función, que xa é lenda, compartiu cartel con Eduard Fernández, Anna Lizarán, Jordi Bosch e Emma Vilarasau.

Vinte anos despois, no 2013, Laia Marull volveu a Roberto Zucco. Desta volta encarnaba a Irmá, o personaxe que coida da Nena de maneira protectora, mais severa, dentro daquela estrutura familiar opresiva e violenta.

No entanto, converteuse nun rostro moi popular en Cataluña ao protagonizar durante catro anos en TV· a serie Estació d’enllaç. Se cadra foi daquela cando sentiu por primeira vez que a popularidade non lle interesaba. E aprendeu as ferramentas para arredarse dela.

A súa traxectoria demostra que é posible ser unha das actrices máis premiadas do noso cine —gañou tres Goya, nas tres categorías de interpretación: mellor actriz revelación por Fugitivas, no 2000; mellor actriz protagonista por Te doy mis ojos, no 2004; e mellor actriz secundaria por Pa negre, no 2011— e, asemade, seguir baixando facer a compra no seu barrio da Barceloneta sen sufrir o peso da púrpura.

No cine, puidémola ver en Mensaka, cun cartel de actores e actrices que é todo un retrato dunha xeración de intérpretes incipientes do noso cine: Lola Dueñas, Tristán Ulloa, Gustavo Salmerón, Adrià Collado, María Esteve e Laia. Dirixíaos Salvador García Ruiz, que volvería reunir a Laia Marull e Tristán Ulloa na moi estimable Las voces de la noche, no 2003.

Ese mesmo ano, Laia protagonizou Te doy mis ojos, xunto a Luis Tosar, baixo a dirección de Icíar Bollaín, unha sorte de frontispicio da violencia machista estrutural. Co que ten case de pedra fundacional dun cine que denunciaba unha opresión milenaria, avellentou moi ben. Eu volvina ver antes de escribir estas liñas. Proben a facelo.

Seguramente, chegara ese momento na carreira dunha actriz de estar baixo o foco central, non sen razón, pero cos riscos da sobreexposición: tes 30 anos, gañaches dous Goya e quizais decides tomalo con calma. Non se trata de fuxir do spotlight, senón de aliviar a presión. Para poder seguir baixando facer a compra ou tomar un café.

E volver con forzas renovadas, como unha das columnas basais da telúrica e durísima Pa negre, do lembrado Agustí Villaronga. Do barro e do sangue daquel drama, unha das obras que mellor amosa o que foi a paz dos cemiterios da nosa posguerra, emerxe unha das películas que acadou o cumio dos Goya. Laia obtivo o seu terceiro e compartiu esa gloria cun elenco de actrices e actores da súa xeración, como Nora Navas, e doutra que estaba a irromper daquela, encarnada na ollada perdida de Francesc Colomer.

E, de novo, a sensación de liberdade e de que as rutas alternativas son decisións na traxectoria de Laia: unha incursión no fantastique e no universo de Lovecraft; varios traballos valiosos dirixidos por mulleres —Roser Aguilar, Lucía Alemany, Silvia Quer, para quen encarnou a unha fulgurante Margarita Xirgu—; e unha complicidade de longo percorrido, desde o 2011 ata o presente, cun dos autores do renovado cine español, Alberto Morais, con quen compartiu Las olas, La madre e La terra negra, que poderán ver na homenaxe a Laia do Premio Cineuropa.

Nos últimos tempos produciuse tamén unha reconciliación: a da actriz coa televisión. Ao comezo da súa carreira, aprendeu canto podía desgastala aquel medio; agora, en cambio, pode habitalo desde outro lugar, nunha etapa na que moitas series teñen unha estrutura e unha creatividade propias do mellor cine. Os Javis chamárona para lle ofrecer un papel breve, pero poderosísimo, na súa obra mestra La Mesías. E agora mesmo poden ver a Laia nas dúas principais plataformas con El mapa de los anhelos e, sobre todo, coa excelente El castillo, dirixida por Elena Martín Gimeno e Sandra Romero. Nesta última, Laia é unha muller policía que se interna no labirinto escuro da trata de mulleres xunto ao mozo Omar Ayuso e a outro actor proteico, Raúl Arévalo, na zona de sombra. Ao principio tiña as súas reservas, pero atopou no personaxe a humanidade e a loita por conseguir que as súas investigacións saísen á luz nun mundo macho. 

Neste traballo en El castillo e nos moi recentes en La terra negra e Quan un riu esdevé el mar véntase unha actriz en estado de plenitude, que xa non teme unha popularidade excesiva e que sabe que a súa contención de intérprete sabia é capaz de sobrevivir ao foco de Netflix e ao que lle boten. Está probablemente nun momento de certezas, do que o noso cine se vai enriquecer sen dúbida, co seu talento liberado do peso de goyas e ouropeles.

Polo de agora poden gozar del neste Cineuropa, na beleza telúrica do seu traballo en La terra negra, ese neorrealismo aggiornato por Alberto Morais, con esa sensibilidade roselliniana coa que Laia Marull e mais Sergi López son quen de lle dar cauce, desde a suprema contención, a esa balada de perdedores e de amor aos demais.

José Luis Losa

Premio Cineuropa 2026

Robert Guédiguian

O francés Robert Guédiguian, fillo dun armenio e dunha alemá, chegou ao noso país relativamente tarde. Foi con Marius e Jeanette, en 1997, cando tiña 43 anos e cinco longametraxes ás súas costas. Aquel drama de compoñente social, articulado arredor dunha historia de amor entre unha caixeira e un garda de seguridade, foi tamén a súa carta de presentación en Cineuropa, hai agora tres décadas. A película define moi ben os elementos que configuran o universo sobre o que se asenta a maior parte da súa filmografía, composta xa por 25 longametraxes. Por unha banda, un territorio perfectamente definido: o barrio costeiro de L’Estaque, unha zona de clase obreira de Marsella na que o propio cineasta medrou. Por outra, un cadro de personaxes desta mesma extracción social, a dos desfavorecidos, con existencias expostas aos embates azarosos da vida e marcadas pola precariedade, que constitúen o epicentro dramático das historias. O terceiro elemento, de enorme importancia para explicar o seu cinema, é a fidelidade a un tridente de intérpretes cos que traballa desde os seus comezos como cineasta, en 1980: a súa muller na vida real, Ariane Ascaride, e os seus amigos Gérard Meylan e Jean-Pierre Darroussin. Esa complicidade, mantida ao longo de case medio século e dunha vintena de títulos, permite que os catro aborden cada novo proxecto á maneira dunha compañía teatral. Ao mesmo tempo, dota a súa filmografía dunha identidade entendida como work in progress, na que o paso do tempo se vai acompasando coa propia idade duns actores aos que fomos vendo madurar obra tras obra.

Sobre eses piares tan ben definidos, en Cineuropa puidemos asistir, en sucesivas edicións do festival, á exploración dese universo Guédiguian en À la place du coeur (De todo corazón), na que abordaba unha historia de amor interracial entre mozos e a inmigración asociada á xenofobia, outro leitmotiv da súa obra; ou en La ville est tranquille (A cidade está tranquila), onde altera o clima de certo optimismo e solidariedade de grupo das anteriores para marcar as tintas do drama descarnado no que irrompen a adicción ás drogas, a prostitución, a violencia —cun Meylan no rol de killer— e a explosión da extrema dereita.

En Cineuropa 2002 recuperamos en Mary-Jo e os seus dous amores a atmosfera do Guédiguian máis recoñecible, con Ascaride, Darroussin e Meylan formando un triángulo amoroso. E en O meu pai é enxeñeiro (2004), toda a acción se conxuraba para sacar a protagonista do estado de catatonia no que caera. Outras películas de Robert Guédiguian que enriqueceron a programación do noso festival son Lady Jane ou As neves do Kilimanjaro, coa que acadou no 2011 o segundo posto na votación do Premio do Público.

E, entre medias, dúas películas que se afastaban abertamente do molde marsellés e working class. En O paseante do Champ de Mars (2005), Guédiguian compón unha afinada elexía sobre o ocaso político e vital de François Mitterrand, encarnado de maneira formidable por Michel Blanc. En Unha historia de tolos (2015) aborda a loita armada armenia no contexto do xenocidio cometido polos turcos.

A isto súmanse dúas das súas primeiras películas recuperadas en edicións anteriores —Ao ataque! e À la vie, à la mort—, que converten a Robert Guédiguian nun dos autores con máis presenzas en Cineuropa, só superado polo tamén francés François Ozon e polo británico Ken Loach.

É precisamente co cinema de Loach co que se ten comparado en numerosas ocasións o de Guédiguian, pois ambos os dous militan na causa dunha esquerda obreirista e expoñen, a través dos seus dramas, o desamparo ou a supervivencia entre os cascallos dunha prosperidade pasada. E non dubidan en abordar as dinámicas implacables do capitalismo que oprime os seus personaxes e a crecente deshumanización que os rodea.

Sen deixar de ser certo todo isto, tamén o é que o ton do cinema social de Guédiguian ofrece, en liñas xerais, unha natureza de conto moral que ás veces redime os seus agonistas ou lles abre unha vía de esperanza. Loach, pola contra, é bastante máis implacable no camiño cara ao fatum que rodea —nunha perspectiva marxista— os seus personaxes.

Como poderán comprobar tras a cerimonia do Premio Cineuropa con Une femme aujourd’hui, a película de Guédiguian que estrearemos en España tras o seu paso hai dous meses pola Mostra de Venecia, onde obtivo o Premio Europa Cinemas Label das Giornate degli Autori, resulta moi interesante apreciar como, nese mesmo escenario marsellés de L’Estaque, o director vai matizando a natureza dos seus conflitos en consonancia coa evolución da propia situación sociopolítica en Francia, nun contexto no que non se pode descartar a chegada á presidencia da República da ultradereitista Marine Le Pen.

Porque, desde aquel contexto xa difícil de 1997 en Marius e Jeanette, a deriva que sofre o seu país abórdase, coa óptica dun antigo militante comunista como Guédiguian, ás veces desde unha épica da derrota. De que outro xeito se pode ler mellor As neves do Kilimanjaro ca como unha especie de western crepuscular do comunismo, con Ariane Ascaride, Jean-Pierre Darroussin e Gérard Meylan como heroes fatigados pola vida e polo paso do tempo?

Na capacidade de Guédiguian para ir incorporando capas a medida que a realidade se transforma, Une femme aujourd’hui é un proteico exercicio de cinema de tese sobre as contradicións entre o novo feminismo e as engrenaxes do turbocapitalismo no que se pretende integrar a muller.

E será unha honra gozar de novo do universo Guédiguian, que nunca cae no mineral e que habita a dialéctica e a súa dramática evolución, xunto a eses tres actores que, a canda el, son xa historia viva deste festival.

José Luis Losa

Premios do Público

Volve Cineuropa e con el as votacións do Premio do Público!

SEIS MESES EN EL EDIFICIO ROSA CON AZUL

2026 – Bruno Santamaría Razo

6,76
Nota do público
COWARD

2026 – Lukas Dhont

8,06
Nota do público
FATHERLAND

2026 – Pawel Pawlikowski

7,56
Nota do público
JUSTA

2025 – Teresa Villaverde

5,81
Nota do público
LEJOS DE LOS ÁRBOLES

2026 – Meritxell Colell

7,37
Nota do público
MINOTAUR / MINOTAURO

2026 – Andreï Zviaguintsev

7,39
Nota do público
ROSE

2026 – Markus Schleinzer

7,67
Nota do público
SUCCEDERÀ QUESTA NOTTE / IT WILL HAPPEN TONIGHT / SUCEDERÁ ESTA NOITE

2026 – Nanni Moretti

7,35
Nota do público
THE LONELIEST MAN IN TOWN

2026 – Tizza Covi e Rainer Frimmel

7,40
Nota do público
UN BON PETIT SOLDAT / A GOOD LITTLE SOLDIER

2026 – Stéphane Brizé

7,83
Nota do público
AS VITRINES

2025 – Flávia Castro

6,69
Nota do público
NAGI DAIARĪ / NAGI NOTES

2026 – Kōji Fukada

6,40
Nota do público
NINA ROZA

2026 – Geneviève Dulude-De Celles

7,15
Nota do público
JOSEPHINE

2026 – Beth de Araújo

7,71
Nota do público
TEENAGE SEX AND DEATH AT CAMP MIASMA / ADOLESCENCIA, SEXO E MORTE NO CAMPAMENTO MIASMA

2026 – Jane Schoenbrun

7,64
Nota do público
DIARIO DE UN INFILTRADO

2026 – Samuel León e Saúl Valverde

9,68
Nota do público
FIUME O MORTE!

2025 – Igor Bezinović

7,69
Nota do público
PARA VIVIR. EL IMPLACABLE TIEMPO DE PABLO MILANÉS

2025 – Fabien Pisani

9,28
Nota do público