Nota do público:

6,96

Brasil, Arxentina, Portugal / 110 min. / Ficción / Portugués

Mercar entrada

Gloria é unha ascensorista da Universidade de Río de Xaneiro que creceu e vive na favela de Providência. Cando se ve libre dun pai abusivo, queda en mans do seu irmán, un traficante que mesmo desde o cárcere exerce unha enorme influencia sobre ela. Camila é unha moza psicanalista portuguesa que estuda un posgrao sobre a violencia na mesma universidade onde traballa Gloria, a quen comeza a tratar. Entre elas establécese un vínculo de contratransferencia entre psicanalista e paciente, cuxa influencia atravesa as paredes do consultorio.


Ficha artística

Grace Passô, Joana De Verona, Digão Ribeiro, Alex Brasil, Marco Antonio Caponi.

Ficha técnica

Guión: Lúcia Murat, Raphael Montes.
Fotografía: Guillermo Nieto.
Música: André Abujamra, Marcio Nigro.
Produción: Lúcia Murat, Felicitas Raffo, Luis Galvão Teles.

Premios

  • Mellor director no Rio de Janeiro International Film Festival 2017.
  • Premio do público no Festival de Granada Cines del Sur 2017.
  • Mellor actriz no FESTin 2018.

Crítica Cineuropa

Na súa nova película, a directora Lúcia Murat pon o dedo na chaga da violencia estrutural do actual Río de Xaneiro, tratando o tema do racismo e a súa desigual influencia no día a día de persoas de diferentes clases económicas. O acertadísimo guión ataca con habilidade as raíces do problema a través da construción simbólica dos seus personaxes. Portugal e a súa herdanza colonial están presentes na figura da psicanalista. Camila, inicialmente progresista e idealista, acaba sucumbindo á perversa estrutura social que constitúe a base da segregada sociedade brasileira. Outro gran triunfo da película xorde da química das dúas actrices, destacando a interpretación de Grace Passô que logra situar a Gloria no centro da película. Un filme indispensable que ousa, baixo a forma de cinema de xénero, poñer temas de vital importancia sobre a mesa.


Praça Paris

Lúcia Murat

Río de Xaneiro (Brasil), 1948

É directora e produtora. A súa ópera prima, Que bom te ver viva (1988), estreouse no Festival de Toronto e revelou unha cineasta fondamente interesada por temas políticos e femininos, moi recorrentes na súa filmografía. Doces poderes (1996), Brava gente brasileira (2000), Quase dois irmãos (2003) e Em três atos (2015) son algúns dos seus títulos.