España / 55 min. / Documental,Experimental / Castelán,Alemán,Inglés

O corpo é un dos territorios fundamentais de control social. Os estados aléntannos á reprodución —dos fillos e do propio modelo familiar—, controlan a nosa fecundidade e os seus produtos, pero paralelamente déixannos soas cos nosos nenos, clausuradas no espazo doméstico, e instadas a que a crianza sexa un asunto estritamente íntimo. A nosa capacidade de construción do mundo e de relacionarnos a través de experiencias social e persoalmente significativas e profundas, está moi limitada nun sistema cada vez máis fragmentado e individualista, de forma que ter descendencia e construír unha familia homologada pode actuar como unha estrutura compensatoria nun contexto sociopolítico que ofrece poucas posibilidades de xerar pegadas significativas. Nas imaxes da nai, codificadas durante séculos, reúnense as condicións materiais de produción da representación e do relato, xunto coas condicións materiais da reprodución. Aínda que ser nai é unha experiencia rica e complexa, moitas veces trufada de tensións e mesmo de desilusións —xeradas precisamente por unhas expectativas irreais—, a maternidade mítica deseñada polo sistema patriarcal é naturalizada como un impulso propio das femias humanas, e preséntase como unha relación sen conflitos nin contradicións. Dado o carácter feitichista e normalizador que se concede á maternidade no patriarcado para así perpetuar a orde social, eliximos verdadeiramente ser nais? Por que o coidado, o noso traballo vital fundamental, se presupón como unha tarefa especialmente adecuada para as mulleres?


Ficha artística

Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, José Antonio Vázquez Taín, Benito López de Abajo, Xurxo Melchor.

Ficha técnica

Guión: María Ruido.
Produción: Beca Multiverso / Fundación BBVA.


Mater Amatísima

María Ruido

Xinzo de Limia (España), 1967

Artista visual, investigadora e produtora cultural desde 1998, desenvolve proxectos interdisciplinares sobre os imaxinarios do traballo no capitalismo posfordista e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia. Vive en Madrid e Barcelona e exerce a docencia na Universitat de Barcelona.