Nota do público:

6,25

Reino Unido / 118 min. / Ficción / Inglés

Mercar entrada

Cando a empregada dun banco de mediana idade compra un fermoso vestido vermello nuns grandes almacéns durante as rebaixas de xaneiro, parece que tivo un golpe de sorte. A súa confianza vese alentada pola peza, cuxa tea parece adaptarse e favorecer a calquera que a leve. Pero axiña quererá cambialo e descubrirá que non é tan doado librarse del.


Ficha artística

Marianne Jean-Baptiste, Hayley Squires, Leo Bill, Gwendoline Christie, Sidse Babett Knudsen, Caroline Catz, Julian Barratt.

Ficha técnica

Guión: Peter Strickland.
Fotografía: Ari Wegner.
Música: Cavern of Anti-Matter.
Produción: Andy Starke.

Crítica Cineuropa

Tras a sensacional The Duke of Burgundy, Peter Strickland retorna a Cineuropa con este quebracabezas de pánico insondable, con esa idea dunha pequena tenda dos horrores na cal o departamento de rebaixas devén trampa para incautos. In Fabric constrúe —con esa fascinante composición escénica de Strickland do kitsch como arma erótica e tamén como dispositivo de terror— un argumento sobre elementos do fantastique e outros pertencentes ao onirismo máis perturbador. Un espello escuro, cóncavo ou convexo, sobre o cal reflicte a historia daqueles aos que lles toca en desgraza o tortuoso agasallo de ser posuidores desa peza depredadora que non só lles carcome a pel, senón que centrifuga as súas mentes cara ao baleiro ou a morte. Á vez que relato de horror, In Fabric funciona tamén como feroz discurso contra a sociedade de consumo e a explotación do ser humano en toda cadea de mando. E nela Strickland move, fai tremer o chan do xénero, a través dunha estética e unha planificación das secuencias revolucionaria, como no seu día o fixeron Hitchcock con Psicose, Polanski con Rosemary's baby ou John Carpenter na noite de Halloween.


In fabric

Peter Strickland

Reading (Reino Unido), 1973

Produciu ao longo de catro anos e de xeito independente a súa ópera prima, Katalin Varga (2009). O filme recibiu un Oso de Prata en Berlín e o Festival de San Sebastián incluíuno na súa retrospectiva Eastern Promises. Seguíronlle Berberian sound studio (2012) e O duque de Burgundy (2014). Tamén dirixiu os documentais The film that buys the cinema (2014) e Björk: Biophilia live (2014).