Nota do público:

6,09

Arxentina, Chile / 94 min. / Ficción / Castelán

Mercar entrada

Julia, unha empregada de casino de Comodoro Rivadavia, é tentada por Gwynfor, un parco operario descendente de galeses, que lle promete un posto administrativo na petroleira onde traballa. Para cando advirte o engano, xa estarán inmersos no deserto e comezará unha ardua travesía a pé pola meseta patagónica. Cazando, refuxiándose en covas e construcións abandonadas, sen posibilidade de escape no medio da nada, a difícil convivencia irase transformando co pasar dos días. En camioneta, a cabalo e guiado por rastreadores, o comisario Hermes Prieto irá tras deles, seguro de atopar algunha pegada no medio do deserto.


Ficha artística

Valentina Bassi, Jorge Sesán, José María Marcos, Germán De Silva, Gastón Salgado.

Ficha técnica

Guión: Ulises Rosell, Sergio Bizzio.
Fotografía: Julián Apezteguía.
Edición: Alejandro Brodersohn.
Produción: Ezequiel Borovinsky, Alejandro Israel, Catalina Donoso.

Crítica Cineuropa

Ulises Rosell ofrece na súa nova película unha abafadora odisea desértica que combina elementos de thriller psicolóxico e western. Os protagonistas —Valentina Bassi e Jorge Sesán en impresionante tour de force— deberán manterse unidos para sobrevivir ás duras condicións climáticas da Patagonia. O propio deserto exerce de secundario de luxo, a súa inmensidade dificulta a supervivencia de Julia e Gwynfor, e esas paraxes abertas e espectaculares, excelentemente captadas pola fotografía de Julián Apezteguía, vólvense, por contra, opresivas e abafadoras. É por iso que o ritmo xeral é de tensa calma, interrompida en ocasións por trepidantes secuencias dramáticas. O resultado é un filme que atrapa, visual e narrativamente falando, de principio a fin.


Al desierto

Ulises Rosell

Bos Aires (Arxentina), 1970

Estudou na Universidade do Cine (FUC) de Bos Aires e dedícase tanto á ficción como ao documental para cinema e televisión. Foi bolseiro dos festivais de Cannes e Amiens, das fundacións Antorchas, Rockefeller e do Fondo Nacional das Artes. Dirixiu El descanso (2001, en codirección), Bonanza (2003), Sofacama (2006) e El etnógrafo (2012).