Skip to main content

Cineuropa35 ofrece este mes de novembro unha chea de actividade alén das proxeccións. Hoxe presentámosvos dous obradoiros para todos os públicos que terán lugar os días 20 e 21 de novembro.

PROXECTO REMOLQUE | Obradoiro de cinema expandido
Sábado 20 de novembro, 12.00horas. Auditorio de Galicia

Proxecto Remolque é un obradoiro de cinema expandido para toda a familia dirixido polo cineasta e proxeccionista Cris Lores, quen, acompañado polos artistas e tamén cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán, ensinará ao público asistente a realizar as súas propias películas en celuloide reutilizando vellos (e belos) tráilers de 35 mm. Un xeito moi divertido de coñecer a historia do cinema que de seguro fará as delicias tanto de adultos coma dos máis pequenos da casa.

A entrada de balde previa retirada de convite a través de www.compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C (Preguntoiro, 1).

PAPER CINÉTICO | O cine como obradoiro de maxia
Domingo 21 de novembro, 12.00 horas. Auditorio de Galicia

Logo dunha longa traxectoria ensinando cine e un amor inexplicable polo papel, Belén Veleiro decidiu crear Paper Cinético, unha actividade que reflexiona sobre o “papel” do papel no cinema explorando as infinitas posibilidades deste formato que permite transformar, entre outras cousas, a bidimensionalidade dunha folla de papel nun obxecto tridimensional en movemento. Trátase dunha cita apta para todas as idades, nas que o público miúdo debe ir acompañado.

A entrada de balde previa retirada de convite a través de www.compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C (Preguntoiro, 1).