Skip to main content
‘Master Gardener’, ‘Great Yarmouth, ‘Une chambre en ville’ e as presentacións no Cinema Numax conforman o imperdible da xornada.

 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022.- Presentada no Festival de Venecia como parte da sección oficial fóra de concurso, o novo filme de Paul Schrader —un dos sobreviventes máis enérxicos daquela xeración denominada Novo Hollywood— chega ao Teatro Principal de Santiago este venres 10 de novembro ás 17:15 h. Como noutros dos seus filmes, en Master Gardener (O mestre xardineiro) Schrader formula unha posta en escena ordenada e austera, un tratamento narrativo minimalista e unha fe acérrima no poder da catarse fílmica. Con todo, a condensación destes trazos e a súa depurada aplicación, fan de Master Gardener un dos seus filmes máis luminosos.

De seguido, ás 21.30 h. no mesmo Principal dará comezo un filme dirixido polo portugués Marco Martins que causou furor no Festival de San Sebastián. Segundo José Luis Losa, director de Cineuropa, “Great Yarmouth mergúllanos na choiva de sangue e excrecencias dun matadoiro de pavos onde van parar mesnadas de inmigrantes portugueses que chegan ao Reino Unido días antes de que entre en vigor o Brexit. É tal a súa forza que mesmo o espectador de retina sensible non é quen de separar a súa mirada deste relato sobre a escravitude na Unión Europea en pleno século XXI”.

En liña coa temática musical desta 36ª edición de Cineuropa, tampouco queremos deixar de recomendar a proxección dunha versión restaurada de Une chambre en ville (Unha habitación na cidade), un musical realizado por Jacques Demy que condensa todas as bondades so seu cinema: a súa paixón pola cor, o guión completamente cantado e un subxugante romanticismo.

Cinema e compromiso

O último pase de No bears, de Jafar Panahi, que obtivo o premio especial do xurado no Festival de Venecia terá lugar no Salón Teatro 19:45 h. Sempre cómpre ver o cinema do iraniano porque adoita denunciar a falta de liberdade do seu país —no que leva anos en arresto domiciliario—, habitualmente con humor, mais esta vez xa de xeito máis extremo.

Cómpre salientar tamén a xornada de Cineuropa en Numax, que contará coa proxección de tres documentais dirixidas por cineastas galegos que poñen o foco na memoria, na importancia de coñecer feitos acontecidos no noso país que conviden á reflexión. As tres funcións terán presentación e coloquio.

O coloquio en liña con David Varela para conversar sobre o seu filme Un cielo impasible inaugurará esta sesión ás 18 h. Varela, que xa participara en Cineuropa presentando Freedom to Kill the Other’s Children (2016), presenta esta vez un documental sobre un grupo de adolescentes que investiga e debate sobre os testemuños dos soldados que loitaron nunha das batallas máis cruentas e mortíferas da Guerra Civil. Esta parte da historia, en gran parte descoñecida para o alumnado, fai que a película funcione en dúas direccións: na reivindicación da memoria histórica, por unha banda, e no debate sobre o xeito de transmitir (ou non) esa memoria ás novas xeracións, pola outra.

Ás 20 h. dará comezo Removendo a terra, un documental de Margarita Teijeiro e Antonio Caeiro que indaga nas secuelas da Guerra Civil. Un grupo de médicos forenses, arqueólogos e historiadores, coordinados —por primeira vez en corenta anos de democracia— pola Universidade de Santiago, e coa axuda do goberno español e de Galicia, inicia a exhumación dunha fosa común en Vilagarcía de Arousa. Esta é a historia dos que buscan e de quen os busca. Familia e científicos cun mesmo fin: escavar e mostrar a memoria oculta baixo a terra.

Por último, ás 22 h. dará comezo 10 de marzo, un documental dirixido por Roi Cagiao que trata sobre a histórica folga acontecida no Ferrol de 1972. A raíz da negociación do convenio da Bazán Ferrol, milleiros de traballadores do estaleiro saen en manifestación a mañá do 10 de marzo do 1972 polo centro da cidade. En plena ditadura, a Policía Armada intenta interceptar a marcha e, ante a resistencia dos obreiros, dispara sobre a manifestación, co resultado de ducias de feridos de bala e dous traballadores mortos: Daniel Niebla e Amador Rey. Mergullando o espectador nun relato trepidante e emotivo, 10 de marzo reconstrúe a través de entrevistas cos protagonistas, materias de arquivo audiovisual inédito e ficcións de época, uns feitos que supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega no seu enfrontamento coa ditadura.

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA VENRES 11 DE NOVEMBRO

 

TEATRO PRINCIPAL

17.30 EO, de Jerzy Skolimowski

19.15 MASTER GARDENER / O MESTRE XARDINEIRO, de Paul Schrader

21.30 GREAT YARMOUTH – PROVISIONAL FIGURES, de Marco Martins

 

SALÓN TEATRO

17.30 THE BAND WAGON / MELODIAS DE BROADWAY 1955, de Vincente Minnelli

19.45 NO BEARS, de Jafar Panahi

21.45 UNE CHAMBRE EN VILLE / UNHA HABITACION NA CIDADE, de Jacques Demy

 

NUMAX

16.20 EL PERFECTO DAVID, de Felipe Gómez Aparicio

18.00 UN CIELO IMPASIBLE, de David Varela + COLOQUIO EN LIÑA

20.00 REMOVENDO A TERRA, de Antón Caeiro e Margarita Teijeiro + COLOQUIO

22.00 10 DE MARZO, de Roi Cagiao + COLOQUIO

 

MULTICINES COMPOSTELA

17.30 SWING TIME / EN ÁS DA DANZA, de George Stevens

19.30 FUNNY GIRL, de William Wyler

22.15 PHANTOM OF THE PARADISE / A PANTASMA DO PARAISO, de Brian De Palma