Skip to main content
O Teatro Principal acollerá a homenaxe a un dos referentes do Novo Cinema Galega este domingo 6 de novembro ás 20h.

 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2022.- A Berlinale, Clermont-Ferrand, o Festival de Cinema de Sevilla, o FICUNAM, Locarno, Rotterdam, Toronto, IndieLisboa, Jihlava ou Mar del Plata son só algúns dos festivais xa coñecidos polo galego Lois Patiño. Figura fundamental do movemento chamado Novo Cinema Galego e constante procurador de imaxes e sensacións —de poesía auodivisual, en suma—, Patiño recibiu o premio ao mellor director emerxente no Festival de Locarno 2013 coa súa primeira longametraxe, Costa da morte; traballo que obtivo outros 15 premios en festivais como Jeonju IFF (Corea del Sur), FICUNAM (México D.F.), Festival dei Popoli (Italia), Valdivia IFF (Chile) ou no Festival Europeo de Sevilla. Co seu traballo Montaña en sombra foi tamén distinguido no Festival de Oberhausen (Alemaña), en Clermont-Ferrand (Francia), no Bucharest Experimental IFF de Romanía ou no FIDOCS de Chile, entre outros.

A súa curta Noite sem distância (2015) foi seleccionada para o Festival de Toronto e, entre outros premios, gañou no Festival de San Francisco. Pola súa banda, Fajr (2016), foi estreada no Festival de Rotterdam e foi distinguida con varios galardóns en Curtas Vila do Conde ou no Festival Cinematográfico Internacional do Uruguai.

A súa segunda longametraxe, Lúa vermella (2020), estreouse na Berlinale – Forum, e foi proxectada no MoMA de New York e noutros 50 festivais. Sycorax (2021), curta codirixida xunto ao cineasta arxentino Matías Piñeiro, foi estreada na Quincena de realizadores do Festival de Cannes, e exhibida en festivais como Toronto ou Nova York. O seu proxecto máis recente, El sembrador de estrellas, celebrou a súa premiére na Sección Oficial de Curtas da Berlinale, na que resultou premiada. Ademais, foi proxectada, entre outros moitos lugares, no Centro Pompidou de París.

Como diciamos, Patiño forma parte desa xeración de cineastas denominada ‘Novo Cinema Galego’, xunto a autores como Oliver Laxe, Eloy Enciso, Diana Toucedo, Jaione Camborda, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco ou Alberto Gracia. Colaborou tamén con músicos como Niño de Elche realizando visuais para os seus proxectos, e a súa obra como videoartista foi exhibida en centros e museos como o MACBA e o CCCB de Barcelona, a Casa Encendida de Madrid, o MARCO de Vigo, ou en feiras como ARCO, Estampa ou SWAB. Expuxo en espazos internacionais como o Centro Cultural San Martín de Bos Aires, o Konstnarshuset de Estocolmo, a Galería Copperfield de Londres, a JIFF Art Gallery de Corea do Sur ou as feiras Paris Photo, Photo London e Unseen (Amsterdam) ou a Triennale de Aichi (Xapón).

En suma, e en palabras do director do certame, José Luis Losa, con esta homenaxe o Festival Cineuropa quere celebrar o “talento maior e cosmogónico” do cineasta vigués. A entrega do Premio Cineuropa a Lois Patiño terá lugar este domingo ás 20 h. no Teatro Principal. Tras a homenaxe, serán proxectadas dúas das súas pezas máis representativas: unha do inicio da súa traxectoria, Montaña en sombra (2012), e a súa peza máis recente, El sembrador de estrellas (2022).

Ler nota de prensa completa