Skip to main content
O Salón Teatro acollerá a homenaxe ao artista e director lisboeta este sábado 12 ás 20 h. da tarde.

 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022.- Cannes, San Sebastián, Locarno ou BAFICI son só algúns dos festivais que acolleron e distinguiron a cinematografía de João Pedro Rodrigues. O cineasta e artista lisboeta nado en 1966 gradouse na Escola de Cinema de Lisboa, escribiu e dirixiu numerosas curtametraxes, e conta con cinco longametraxes no seu haber. A súa filmografía indaga nas formas diverxentes do desexo humano entre unha variedade de xéneros cinematográficos, salientando títulos como A Fantasma (2000), a súa ópera prima estreada en Competición Oficial da Biennale, A última vez que vin Macao (mención especial en Locarno), ou O ornitólogo, filme que foi distinguido co Leopardo de Prata no mesmo Festival de Locarno e que puidemos gozar en Cineuropa o ano 2016. As súas películas contan co agarimo e apoio dos principais festivais internacionais, e forman parte das coleccións do MoMa ou a Cinemateca Portuguesa. En Cineuropa, João Pedro presentará Fogo-Fátuo, o seu último filme, que foi estreado na Quincena de realizadores de Cannes e que en Cineuropa forma parte da Sección Oficial Europea, un filme definido pola crítica de Caimán Cuadernos de Cine Jara Yáñez como “unha celebración divertida, sofisticada, intelixente e rica da arte, o amor e o sexo que, na súa insubordinación, contén unha poderosa potencia política”.

A homenaxe a este cineasta irreverente e libérrimo terá lugar no Salón Teatro ás 20 h. deste sábado día 12 de novembro, e contará coa participación do director do Festival, José Luis Losa, e o deputado responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Programación

Entre as recomendacións para este sábado, cómpre salientar o regreso do cinema do admirado Hirokazu Koreeda. Broker, que poderemos ver no Teatro Principal ás 20:15 h., un filme “belo, diáfano e conciliador”, segundo o crítico Luis Martínez. Tamén o novo do cáustico Ulrich Siedl, Sparta, un filme polémico que foi retirado dalgún festival e que aquí veremos no Teatro Principal ás 22:30 h. Non debemos esquecer o pase de The quiet girl, a primeira longa de ficción do irlandés Colm Bairéad, que na sesión anterior obtivo un notable 8,23 e que pechará a súa participación en Cineuropa este sábado ás 18 h. no Salón Teatro.

 

JOÃO PEDRO RODRIGUES, PREMIO CINEUROPA 2022

Na presentación de Fogo-Fátuo no “Curtas” de Vila do Conde o pasado mes de xullo, o realizador João Pedro Rodrigues agradeceu publicamente o traballo do elenco e insistiu na importancia que para el ten atopar os actores e as actrices ideais. Dalgunha maneira, os filmes non existirían sen ese encontro do cineasta coas persoas que van encarnar os personaxes imaxinados, unha elección que acaba por ser a única posíbel, unha sen alternativa óptima. A partir desa comuñón milagrosa nace o filme que, ao expresarse a través duns corpos precisos nuns espazos concretos, se transforma. Debe reescribirse e adaptarse a esa confluencia marabillosa. A obra de João Pedro é o resultado dun prodixioso equilibrio entre a preparación meticulosa e a inspiración sempre acesa, entre o control e a aceptación do inesperado. Un equilibrio seguramente natural en alguén que suma unha formación cinéfila no sentido tradicional, froito de innumerábeis sesións da Cinemateca Portuguesa, e unha insubornábel liberdade creativa. E é que poucos cineastas hai tan libres como João Pedro.

Libre para moverse entre as narracións tipicamente recoñecíbeis como “ficcións” e os obxectos que desafían calquera clase de etiquetas, para tensar as convencións e os arquetipos dos xéneros, para xogar coas súas aparencias, coas súas carcasas, e tirar de todo iso algo novo, diferente. Libre para transitar entre a realidade e un “outro lado”, o lado da fantasía, da metamorfose, da transfiguración, mesmo que sexa para revelar a imposibilidade de non ser o que un é. Non é estraño que a súa filmografía estea poboada de seres en transición. É así dende a primeira longa, O fantasma, a concurso na Mostra de Venecia polo León de Ouro, un relato perturbador de soidade e desexo, da busca desesperada e violenta de amor. Ou en Odete, estreado na Quincena de Realizadores de Cannes, un melodrama romántico máis alá da morte. A inesquecíbel Tónia de Morrer como um homem é o paradigma de personaxe plural, larva e bolboreta, unha drag histórica da noite de Lisboa de conmovedora humanidade e finalmente vencida polo tempo. Máis mutante é o protagonista d’O ornitólogo, un observador científico das aves que se cruza con toda sorte de criaturas que o desvían do camiño cara a un horizonte de santidade pagá. O príncipe que quere ser bombeiro de Fogo-Fátuo é tamén un home dividido, desta volta entre o seu deber e a súa paixón; se acaba por someterse á primeira, será aceptando a súa condición de “non ser”, ou de ser “o menos que puder, símbolo vazio de coisa nenhuma”.

No “ciclo asiático”, na serie de filmes codirixidos co seu compañeiro João Rui Guerra da Mata, persiste esa natureza híbrida, ese gusto pola fabulación. Até en documentais en aparencia canónicos como o vitalista Alvorada vermelha, un paseo polo Mercado Vermelho de Macao que, entre aves degoladas e peixes abertos pola metade que aínda sacoden os seus corpos, encontra espazo para sereas imaxinarias e homenaxes a Jane Russell, simbolicamente presente tamén ao inicio de A última vez que vi Macau, un relato de intriga sen rostros que combina os recordos persoais e a memoria colectiva das ficcións e os escenarios exóticos evocadores dun extinto glamour. A mesma vontade de relectura lúdica do “film noir” está presente na curta Mahjong, igual que a resaca de adolescentes zombies de Manhã de Santo António ten moito de revisión contemporánea do xénero do horror. E non é acaso a galeguísima O corpo de Afonso unha relectura retranqueira da historia e o que resta dos seus mitos? Ao adentrármonos no universo de João Pedro Rodrigues, convén deixar estacionados lonxe todos os prexuízos. Benvida sexa sempre a liberdade. Benvido sexa sempre o seu cinema.

Texto de Martin Pawley

 

PROGRAMACIÓN CINEUROPA SÁBADO 12 DE NOVEMBRO

 

TEATRO PRINCIPAL

16.00 OINK, de Mascha Halberstad

17.30 TRIANGLE OF SADNESS / O TRIANGULO DA TRISTEZA, de Ruben Östlund

20.15 BROKER, de Hirokazu Koreeda

22.30 SPARTA, de Ulrich Seidl

 

SALÓN TEATRO

18.00 THE QUIET GIRL, de Colm Bairéad

20.00 PREMIO CINEUROPA: JOÃO PEDRO RODRIGUES + FOGO-FATUO

22.00 SURO / CORTIZA, de Mikel Gurrea

 

NUMAX

18.00 FERRIN ARRAIANO + FLORENCIO DELGADO GURRIARAN DO A AO Z + A ORIXE DO CAMINO DE SANTIAGO, de Aser Álvarez + PRESENTACION E COLOQUIO

20.15 LAS CARTAS PERDIDAS, de Amparo Climent

21.45 TENGO SUEÑOS ELÉCTRICOS, de Valentina Maurel

 

MULTICINES COMPOSTELA

17.00 THE MUSIC MAN / VIVIR DE ILUSION, de Morton DaCosta

19.45 8 FEMMES / 8 MULLERES, de François Ozon

22.00 THE WIZ / O FEITICEIRO, de Sidney Lumet

 

PASEOS DE CINE

12.00 CINEMA(TÓGRAFO)S DE COMPOSTELA

17.00 COMPOSTELA FILMADA