Mesa redonda. Mulleres creadoras: a situación no audiovisual galego e as experiencias noutros escenarios

Este encontro, que terá lugar o día 23 de novembro ás 12 h. no Museo das Peregrinacións, nace coa intención de analizar a evolución do sector cinematográfico a diferentes niveis e desde as máis amplas perspectivas profesionais para concluír posibles liñas de acción nas que todas debemos implicarnos.  

 

 


Anxos Fazáns

(Pontevedra, 1992)
Actualmente está inmersa no proceso de distribución da súa primeira longametraxe, A Estación Violenta, que participou ata o momento no Festival de Cine Europeo de Sevilla, Cineuropa en Santiago, BAFICI en Bos Aires, D’A en Barcelona, Sanfic en Santiago de Chile e obtivo oito candidaturas aos premios Mestre Mateo 2018. A súa última curtametraxe Area, tamén foi seleccionada en varios festivais internacionais entre os que destaca Zinebi. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, posteriormente estuda o Máster de Dirección de Cine da ESCAC.

Jaione Camborda

(San Sebastián, 1983)
Tras rematar os estudos cinematográficos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e a Escola de Cinema de Múnich (HFF), trasládase a Galiza onde funda a produtora Esnatu Zinema coa que forxa un recoñecido traballo como directora de pezas rodadas con material fílmico de corte experimental tales como Proba de Axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas. En estes proxectos, Jaione decántase por un traballo en formato Super 8, dende a confianza na imaxe, na materialidade e no grano lírico. Dirixe a longametraxe Arima ademáis de colaborar coma guionista e directora de arte en numerosos filmes.
 

María Ruido

(Xinzo de Limia, 1967)
Artista visual, investigadora e produtora cultural desde 1998, desenvolve proxectos interdisciplinares sobre os imaxinarios do traballo no capitalismo posfordista e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia. Vive en Madrid e Barcelona e exerce a docencia na Universitat de Barcelona.
 
 
 

Tamara Canosa

(A Coruña 1983)
Conta con máis de dúas décadas de experiencia coma actriz en cinema, televisión e teatro; como feminista ten afondado nos femicidios e feminicidios, estudando a necesidade de incorporar estes conceptos ao noso Dereito. Conta cunha extensa formación en temas de igualdade de xénero. Na procura de conxugar a creación artística co compromiso social, inicia un camiño como produtora, que no 2019 suporá a rodaxe do filme A leituga e a produción da obra de teatro Liberto.
 

Nieves Rodríguez

(San Sebastián)
Leva 25 anos traballando no ámbito audiovisual en Galicia como comunicadora e como actriz. Incorpórase á TVG no ano 1993. No 1994 da o salto á TVE co programa Desde Galicia para el Mundo. No 2001 incorpórase á Radio e Televisión Autonómica de Murcia para dirixir e presentar Calle Mayor. Participa como actriz en numerosas series da TVG. No ámbito radiofónico conduce o espazo Metrópoles Delirantes, adicado á banda deseñada. Actualmente prepara o proxecto teatral, Invisibles, con Redrum Teatro. Premio Chano Piñeiro á mellor comunicadora e Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora da Galiza. É presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia desde o 2017.