Wom@rts e Cineuropa man a man en prol da igualdade das mulleres na contorna artística

A seguir coas relacións que Cineuropa tece con diversos programas e iniciativas culturais que se ofrecen en Compostela, a 32 edición do festival conta este ano coa colaboración de Wom@rts, un proxecto cultural europeo en prol da igualdade das mulleres na contorna artística que é coordinado polo Auditorio de Galicia en representación do Concello de Santiago.

Ao abeiro do proxecto Wom@rts, o catálogo deste #Cineuropa32 ofrece unha aposta destacada pola proxección de filmes realizados por mulleres e busca reivindicar o seu papel central na construción da diversidade cinematográfica. Filmes asinados por creadoras abrollan nas diferentes seccións do certame compostelán e transcéndenas para conforman unha arenga pola visibilidade que decote se lles nega.

Canda a proxección das fitas máis recentes do panorama nacional, estatal e internacional, Wom@rts ofrece neste Cineuropa un ciclo especial con filmes referenciais para a analizar a representación das mulleres no cinema e o seu papel na construción dunha outra maneira de ver e de ser vistas. Grazas á colaboración do Centre Audiovisuel Simone de Beauvoir, unha das institucións parceiras do proxecto, o catálogo de Cineuropa acolle así a exhibición de varias fitas realizadas por creadoras ben coñecidas da militancia feminista francesa, como Nadja Ringart, Carole Roussopoulos, Delphine Seyrig, Iona Wieder ou Véronique Ducret.

Wom@rts é un proxecto cooperativo de longa duración e sen ánimo de lucro que conta con financiamento do programa Europa Creativa e coa participación de diferentes institucións culturais públicas e privadas do continente. O proxecto desenvólvese entre 2017 e 2021, e nel participan, canda o Auditorio de Galicia, a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede escandinava WIFT (Mulleres en Cinema e Televisión), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisuel Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), a Escola Limerick de Artes e Deseño (Limerick Institute of Technology, Irlanda), o Hay Festival de Literatura e Artes (Reino Unido), a Academia Universitaria de Artes Aplicadas en Rijeka (Croacia), e o museo UGM Maribor (Eslovenia). Co albo de fomentar a participación efectiva das mulleres dende unha perspectiva intersectorial e pór en valor o seu papel activo das artes, como creadoras e distribuidoras de cultura, o proxecto organiza diferentes actividades culturais nos países das entidades participantes, como residencias artísticas, ciclos de proxeccións e conferencias, obradoiros creativos, encontros con creadoras e colaboracións cos festivais de literatura e cinema.