Mihaela Duma improvisará o acompañamento musical en vivo de "A guerra da independencia"

  • A proxección do filme 'Independenţa României / A guerra da independencia' abre a sección dedicada aos 100 anos de cinema romanés.


Independenţa României (A guerra da independencia), de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu, conmemorou en 1912 o 35º aniversario da soberanía nacional romanesa como consecuencia da guerra entre Rusia e Turquía. A proxección deste filme, primeira longametraxe de ficción romanesa, estará acompañada pola improvisación en vivo da pianista Mihaela Duma.

Madrileña de raíces romanesas, graduouse en Piano Performance en Musikene (Escola Superior de Música do País Vasco), foi nomeada aos Premios Novo Talento da Comunidade de Madrid no 2016 e actualmente é semifinalista en Romania’s Got Talent. Actuou en festivais por todo o territorio estatal, pasando por Santiago de Compostela, Sevilla, Bilbao, Barcelona ou Madrid.

Unha das prácticas habituais do músico no século XIX era improvisar. Logo de ver a proxección, a pianista percibe ideas que se plasmarán a través da música que acompañará a película. Non é unha música escrita e tampouco estudada, trátase dunha creación en tempo real xunto ao público da sala. Con iso, Mihaela desenvolve con naturalidade a súa faceta como improvisadora, inspirada por outros pianistas, como Gabriela Montero ou Josep Colom.