Retrospectiva Pedro Pinho

O cineasta visitará o festival entre os días 19 e 22 de novembro.


A pesar da súa filmografía aínda curta, a revelación absoluta en Cannes, so cun pase único de A fábrica
de nada na Quincena dos Realizadores a modo de vendaval, moveunos a programar unha retrospectiva
do lisboeta Pedro Pinho nesta 31ª edición de Cineuropa. Pedro forma parte dese crecente grupo
de cineastas portugueses que amalgama comodamente hiperrealismo e ficción cun lúcido –e lúdico–
obxectivo crítico. As súas películas fálannos de desencanto e desigualdade, pero tamén da solidariedade
e unidade que xorden cando parece que todo está perdido, dúas aptitudes necesarias para
resistir e, sobre todo, para sobrevivir.

Formado en Lisboa, París e Londres, deu o seu primeiro paso no cinema xunto a Frederico Lobo, con
quen dirixiu en 2008 un documental profundamente comprometido sobre a tensa espera dos emigrantes
que intentan entrar a Europa pola fronteira sur. Este filme, Bab Sebta, resultou galardoado como
mellor longametraxe portuguesa no Doclisboa, e obtivo o premio Marseille Esperance no FID Marseille.
En 2009 fundou con cinco colegas a produtora Terratreme. A reinterpretación do título da viscontiana
La terra trema (1948) leva implícita toda unha declaración de intencións, que se materializa nunha
entidade colectiva dedicada á divulgación e promoción de novos realizadores no panorama cinematográfico
portugués.

A retrospectiva, composta da mentada Bab Sebta, Un fim do mundo (2013) e As cidades e as trocas
(realizada en colaboración con Luisa Homem en 2014), completarase coa enérxica A fábrica de nada
(2017), tamén incluída na sección oficial de Cineuropa. A presentación do filme na Quincena dos Realizadores
de Cannes, outorgoulle unha merecida visibilidade ao traballo dun cineasta do que non debemos
perder a pista.

Texto:Ana Gontad