Nadav Lapid, o cineasta que ven de gañar o Gran Premio do Xurado en Cannes no pasado mes de xullo polo seu film Ahed`s Knee (O xeonllo de Ahed), recibirá mañá martes 9 o primeiro dos Premios Cineuropa desta edición de Cineuropa. Lapid, quen acadou o Oso de Oro en Berlín en 2019 por Sinónimos, é o cineasta máis laureado internacionalmente nos últimos tres anos. A súa radicalidade na denuncia do goberno e a propia sociedade israelí, cada vez máis militarizada, caracterizan a Lapid como o gran autor de cine político desta década. Entregaralle o premio a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón
.
En Ahed’s Knee, que será proxectada no Teatro Principal tras a entrega do Premio Cineuropa, Lapid sométenos a unha inmersión nos inesquivables ataques á liberdade de expresión e as formas que Israel vai tomando como sociedade case totalitaria. E faino desde o mesmo título da película. Ahed Tamimi é na vida real unha activista palestina, encarcerada polo goberno israelí; a súa figura fíxose viral nas redes sociais polas imaxes nas que zorregaba a un oficial do exército de ocupación. O líder dun partido político ultra ortodoxo chegou daquela a dicir que Ahed “debería ter recibido un disparo, polo menos no xeonllo”. Sobre esa base, Lapid introdúcenos na viaxe dun director de cinema —a xeito de alter ego— que realiza un casting para atopar á actriz que encarne a Ahed Tamimi na súa nova película. Neste Israel rural e profundo, o director atópase coa censura e as imposicións reflectidas na figura dunha funcionaria da poboación que visita para dar unha conferencia, e que quere forzalo a asinar unha aceptación das leis represivas do goberno de Israel. E entón cando O xeonllo de Ahed explota como cinema de denuncia feroz, cunha cámara que se arremuíña sobre esa situación asfixiante nunha paisaxe árida, un deserto de resonancias bíblicas no que se clama pola xustiza. E onde a militarización forzosa e a violencia contra a poboación palestina incrústanse a través das lembranzas do protagonista. Permítese Lapid licenzas tan orixinais como a introdución de números musicais de Vanessa Paradis e Bill Withers, cuxo vitalismo se confronta coa claustrofóbica opresión que preside a atmosfera da película.
O cinema de Navad Lapid coñeceuse en Cineuropa xa en 2014, desde The Kidergarten Teacher, aquela a súa segunda longa de ficción que deixaba os corazóns crebados por unha mestra de escola que ansiaba preservar o talento para a poesía dun pequeno de cinco anos por riba de todas as cousas. Anteriormente xa obtivera o premio especial do xurado en Locarno pola súa ópera prima, Policía en Israel (2011, filme, por certo, que forma parte da programación especial de Cineuropa en Filmin, onde tamén poderán recuperar Sinónimos). O cinema de Lapid caracterízase por mesturar o persoal e o político desde a súa particular historia, fondamente familiar e fondamente crítica co seu país de orixe. Nunha entrevista realizada tras recibir o Gran Premio do Xurado en Cannes, Lapid manifestaba sobre O xeonllo de Ahed: “creo que é un filme cheo de dor e tristeza sobre un país que debería ter sido diferente, que quizais ten algunha posibilidade de selo pero que non deixa de afundirse cada vez máis nestas perversións. E tamén neste sentido sobre min mesmo, que son tan israelí, e que tamén estou afectado por todos estes males e perversións.”
En definitiva, con tan só catro longametraxes de ficción Nadav Lapid ten no seu haber un premio especial en Locarno, o Oso de Ouro en Berlín, e o Gran premio do xurado en Cannes hai só catro meses. E o que de seguro queda por vir. O Teatro Principal abrirá as súas portas mañá martes 9 ás 20 h para acoller a homenaxe que Cineuropa lle dedicará a un autor esencial dos nosos tempos.