- A mesa redonda, titulada ‘O estado das cousas’, celébrase o día 14 ás 20.00 horas no Auditorio de Galicia antes de proxección de ‘Alien, o oitavo pasaxeiro’
- O domingo 17 é a quenda de Diana Toucedo que afondará no traballo de Agnès Varda e Chantal Akerman
O festival Cineuropa complementa a súa programación con espazos para o debate e a reflexión sobre o mundo do cinema. Nunha edición que ten como fío condutor unha mirada feminista que se reflicte tanto nas sensibilidades que se tratan nos filmes como nas sinaturas que os realizan, o festival adica unha mesa na que profesionais do sector analizan o rol da muller no cinema actual. O estado das cousas preséntase como unha charla aberta ao público na que participan protagonistas que se achegan ao panorama cinematográfico dende diferentes perspectivas. Así, serán a realizadora Ángeles Huerta xunto á directora até 2018 do festival de cinema fantástico FKM, María Núñez, e a actriz e docente especializada en xénero Mireia Iniesta as que aborden o feminismo no cinema coa directora de Cineuropa, Laura Seoane, como moderadora. A cita é o xoves 14, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia.
No marco dun festival no que a calidade dos traballos realizados por mulleres incrementou a presenza de directoras na sección oficial ata o 40%, as convidadas farán un percorrido pola evolución do papel da muller no sector e cuestións directamente ligadas á calidade da produción como as cotas ou os sistemas de cualificación da presenza da muller no cinema. A programación da 33ª edición do festival estará tamén presente na mesa. As seccións paralelas adican varios ciclos a resaltar o papel de mulleres creadoras como Agnès Varda e Chantal Akerman, críticas como Pauline Kael e a reflexionar sobre como é analizada a presenza e o papel das mulleres nos filmes, no que predomina o uso dun test de Bechdel que non parece encaixar xa coa relevancia e o espazo que se esperan dun cinema considerado feminista. Así, ao rematar a charla, está programada a proxección de Alien, o oitavo pasaxeiro, un filme que supera o coñecido test pero que presenta unha personaxe protagonista feminina masculinizada.
O espazo para a reflexión terá a súa continuidade o domingo, día 17, cunha charla na que a directora e montadora Diana Toucedo renderá homenaxe a Angès Varda e a Chantal Akerman. Terá lugar en Numax e, esa mesma tarda, realizaranse as proxeccións das últimas películas das directoras, Varda por Agnès (19.00 horas) e No home movie (21.30 horas). A directora galega tamén presentará o seu documental Trinta lumes, que se pode ver no Museo das Peregrinacións (o domingo 17 ás 18.00 horas). A cámara segue neste filme a dous rapaces e dos habitantes dunha aldea na serra do Courel nas súas rutinas diarias.