- A realizadora recolleu este mércores o Premio Cineuropa de mans da concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao.
- Ao remate da cerimonia proxectouse o filme ‘Diário de uma busca’, un documental no que Castro reconstrúe a historia do seu pai, asasinado en 1984 pola súa oposición á ditatura brasileira.
O Salón Teatro acolleu este xoves a entrega do Premio Cineuropa á cineasta Flávia Castro nun acto coas intervencións da concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, do director do festival, José Luis Losa e da propia homenaxeada. A cerimonia contou tamén coa presenza da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, e doutras integrantes da Corporación municipal e incluíu a proxección de Diário de uma busca, o primeiro filme da realizadora.
A dicir desta película e por extensión a toda a traxectoria de Flávia Castro, José Luis Losa puxo en valor na súa intervención o seu cinema de “emotiva serenidade “ e “sen espazo para o sentimentalismo oco” e apuntou cara á necesidade de achegas á memoria histórica como a da cineasta brasileira: “necesitamos deste impulso que nos lembre quen fomos e quen somos, que nos habite o recordo daquelas causas por las que outros loitaron para que este novo golpe de Estado permanente que agora chaman os reaccionarios ‘guerras culturais’ non sexa capaz de anular as nosas identidades de clase, de pobo e de soño”.
Míriam Louzao insistiu na dimensión social do seu cinema que definiu como “un manifesto sobre a importancia da cultura no rescate das voces marxinadas da historia; na reflexión crítica sobre o pasado, no procesamento de feridas colectivas e na recuperación do sentimento de pertenza”. A concelleira destacou que “os seus filmes camiñan cara á reconstrución da identidade e a memoria colectiva nunha alquimia que entretece a indagación persoal co rigor histórico e, que ademais, aguilloa a imaxinación”.
Foi Louzao a encargada de facer entrega do premio a Flávia Castro, que o recibiu visiblemente emocionada. A cineasta arrancou o seu discurso cunha loa á programación desta edición de Cineuropa, na que que “os filmes programados, aínda que tan diversos, parecen ser un contrapunto ao asombro que nos causa o tempo presente”. Tras agradecer as lecturas ao seu esforzo de recuperación das voces silenciadas pola historia, Castro recoñeceu: “tal vez o cinema de formiguiña que eu tento facer, onde a memoria persoal se funde para unha historia colectiva, teña nacido dese baleiro, dese silencio. Coido que tento reconstruír lembranzas e compartilas no presente, sen dúbida, asombroso, no cal estamos mais ao que seguiremos resistindo polas fendas e a través do cinema”:
Flávia Castro é guionista, produtora e directora alén de investigadora e docente. Debutou co documental Diário de uma busca (2010) no que investiga a norte de seu pai, Celso Castro, militante do Partido Operário Comunista, e relata os sucesivos os sucesivos exilios da familia, as separacións e as novas relacións e a difícil readaptación ao Brasil.
A súa primeira longametraxe de ficción, Deslembro (2018) estreouse no Festival de Venecia, onde obtivo varios premios da crítica e do público. Este filme, que se proxectou en Compostela no marco da 32ª edición de Cineuropa, narra a historia de Joana, unha adolescente que vive en París coa súa familia cando se decreta a amnistía no Brasil. Dun día para o outro, organizan a volta a un país do que case non ten lembranzas.
O relato cinematográfico da memoria e a súa visión do século XX brasileiro continúan en As vitrines (en postprodución), unha ficción inspirada nos tres meses que pasou protexida coa súa familia e centos de refuxiados na embaixada de Arxentina en Santiago de Chile tras o golpe de Pinochet.