NOV
19
Martes, 20:00
NUMAX
Comprar entradas

José Val del Omar é unha figura esencial e ao mesmo tempo insólita dentro da historia do cinema. Cineasta cunha visión poética inconfundible, inventor, místico e visionario. A súa ollada clarividente foi obxecto dunha morea de estudos, publicacións, exposicións e retrospectivas en todo o mundo, nun esforzo incesante de dar a coñecer e de preservar a súa obra.

Val del Omar, que foi un artista total e un poeta do cinema, case sempre se presenta como unha rara avis, un francotirador solitario que foi quen de inventar o cinema experimental el só desde os distintos emprazamentos dos seus laboratorios.

Nesta sesión especial achegámoslle ao público de Cineuropa o Tríptico Elemental de España, a obra maiúscula deste cineasta. Constitúe unha historia sincrética e esotérica do país, na que se concentran a filosofía sufí, o duende flamenco, Federico García Lorca, San Juan de la Cruz, San Agustín ou o neoplatonismo. Un elemental é para Val del Omar unha nova forma de poema audiovisual, pero tamén son as tres esencias naturais constitutivas de cada filme: a lama en Acariño galaico, o lume en Fuego en Castilla e a auga en Aguaespejo granadino.

Neste Tríptico, Val del Omar vai usar intervencións como os desbordamentos da pantalla e o son diafónico, patentados polo autor, que conducen cara a unha percepción física e corporal da imaxe, a chamada táctil- visión. Estas invencións, entre outras moitas, e mais a súa ansia transcendente son o que Val del Omar chamaría a mecamística do cine.

Programa

ACARIÑO GALAICO (1961-1995)
José Val del Omar

FUEGO EN CASTILLA (1958)
José Val del Omar

AGUAESPEJO GRANADINO (1953)
José Val del Omar