Entrada
De balde ata completar a capacidade da sala
De balde ata completar a capacidade da sala
Recuperamos o filme Oficio de desterro (1979) de Carlos Asorey. Unha filmación única que retrata os galegos migrantes en París na década dos setenta.
Exiliado na capital francesa, Asorey comeza a gravar arredor do ano 1977. A Filmoteca de Galicia conserva máis de cinco horas de material filmado en Super 8. Trátase de gravacións moi heteroxéneas: a emigración galega en París e as súas angueiras cotiás, o seu lecer, os movementos sociais en París e en Galicia, as súas viaxes persoais e ata semella ter a idea dalgunha ficción. Un rexistro que dá mostra da pulsión de Asorey, que grava todo, case con desesperación.
O seu debut cinematográfico en Galicia prodúcese nas VI Xornadas do Cine das nacionalidades e rexións de Ourense (1978), compartindo cartel con L. Soler e C. Varela con Festa popular na montaña. Un filme que, aínda que fóra de foco, recolle un acto reivindicativo que se celebrara na súa terra natal para lle reclamar unha ponte a Fenosa sobre o encoro de Portodemouros.
Ao ano seguinte, na I Mostra de Cine das Nacionalidades e das Rexións, sección do VII Festival do Humor da Coruña, presenta a peza Oficio do desterro (1979), agora nun ciclo con E. Lozano, X. Villaverde e o Grupo 4, formado tamén en Vincennes, entre outras, por Cruz Risco, filla menor de Vicente Risco.
Xa en 1981 regresa a Compostela por mor dunha enfermidade. Asorey traballa como cámara na TVG desde o ano 1985 sen ver cumprido o desexo de facer cine en Galicia.
Carlos Asorey é un exemplo máis das tentativas de facer cine militante e comprometido co país durante os anos 70. A súa relevancia, alén da cinematográfica, é, sen dúbida, social e histórica.
Nesta proxección contaremos coa presentación de Xaime Varela, historiador e investigador sobre a figura de Carlos Asorey.