NOV
9
Sábado, 16:00
NUMAX
Reserva a túa praza

O chamado método, coa súa xénese no teórico ruso Constantin Stanislavski, revolucionou o oficio da interpretación en Hollywood e Broadway. Pero aquela revolución tivo un Comité Central: o Actor’s Studio. E uns líderes carismáticos: Elia Kazan, Lee Strasberg e Stella Adler. Ese xiro na maneira de actuar, que pasaba por interiorizar a personaxe e os seus sentimentos ata a neurose e por extraer a dor ou as emocións do armario agochado onde viven as feridas do propio pasado das e dos intérpretes, moveu o chan do teatro e do cinema da segunda metade do século XX. O seu profeta, nado agora hai cen anos, foi Marlon Brando.

Como complemento ao ciclo de 21 películas –algunhas delas inéditas no noso país– celebramos unha mesa de debate arredor do que supuxo o Actor’s Studio como revolución dos actores, limitada, ao principio, aos Estados Unidos. Isto é, a Hollywood e a Broadway.

Na mesa contaremos con Javier Rebollo, un dos máis relevantes directores do cinema español actual, que presentará na sección oficial do festival a súa máis recente película, En la alcoba del sultán. Rebollo achégase no seu cinema máis a unha idea bressoniana da dirección de actores. Por iso vai ser ben interesante coñecer a súa visión dos actores do método. Participarán tamén na mesa Martin Pawley, director, produtor e mais teórico do cinema, de quen podedes ler os seus textos en Nós Diario e en Caimán, e Xosé Manuel Sande, historiador e programador cinematográfico.

Interveñen

Javier Rebollo
Director de cine

Martin Pawley
Director, produtor e teórico do cinema

Xosé Manuel Sande
Historiador e programador cinematográfico

Modera

José Luis Losa
Director de Cineuropa