Entrada

De balde ata completar a capacidade da sala

NOV
15
Sábado 15, 17:30
NUMAX

En medio da efervescencia disidente e das loitas políticas e sociolaborais dos últimos estertores da ditadura franquista, xorde, resultado dun proceso activo acumulado de tempo, a folga de actores e actrices de 1975 en España.

Unha folga xeral unitaria e de enorme seguimento, desenvolvida entre o 4 e o 12 de febreiro —un período especialmente tenso e represivo—, capaz de abarcar a todo o mundo do espectáculo e provocar desde suspensións nos teatros de Madrid ata cancelacións de sesións de rodaxes e programas de TVE.

A folga vai formular de xeito audaz un tempo de reivindicación en forma de petición dunha serie de melloras (aumento salarial, un día de descanso semanal, a función diaria única no teatro, o cobro polos ensaios…), posibilitando como consecuencia a impugnación das estruturas do sindicato vertical sectorial franquista. O aparato represor franquista non vai defraudar: detencións (de Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza e Tina Sainz a Pedro Mari Sánchez), ameazas e severas multas, o que desencadea unha gran corrente de solidariedade internacional. Entendido como un suceso histórico menos susceptible de recoñecemento do que debera, representa ademais o xerme de moitos cambios laborais na profesión, constituíndo un auténtico e memorable punto de inflexión.

José Manuel Sande

Interveñen:

  • Petra Fernández | Actriz
  • José Manuel Sande | Historiador e programador cinematográfico

Modera:

  • José Luis Losa | Director de Cineuropa

Despois da mesa redonda, proxectarase na sala NUMAX o filme Siete días de enero (1979). A regresión reaccionaria ou a ameaza ultra aparecen nesta película de Juan Antonio Bardem, un filme no que o realizador de Muerte de un ciclista se aproxima á matanza dos avogados laboralistas de Atocha dun xeito atípico: un relato artellado desde a propia perspectiva dos asasinos de extrema dereita.