Coa participación dos cineastas Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos Flórez e Ángel Santos xunto a profesorado e estudantes que participaron na realización da selección de filmes que se presentan: Arredor do día. Retratos na Terra de Montes; O borboriñar das insuas; Ata pronto, adeus; e As distancias.
Cinema en curso é un programa pedagóxico de creación cinematográfica en escolas e institutos que chega á súa 20a edición con máis de trinta obradoiros en Cataluña, Galicia, Euskadi, Madrid, a Comunidade Valenciana e Navarra, e que tamén promove actividades en Alemaña, Colombia, Eslovenia, Lituania, México e Serbia. En Galicia desenvólvese dende hai unha década coa Filmoteca de Galicia (Agadic – Xunta de Galicia).
O programa ten dous grandes obxectivos: propiciar o descubrimento por parte da mocidade e a rapazada do cine como arte, creación e cultura; e desenvolver as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica no contexto educativo. Un dos seus principais eixes de acción son os obradoiros, que se levan a cabo con grupos de idades comprendidas entre os 9 e os 18 anos, ao longo de todo un curso e dentro do horario lectivo. Impártenos conxuntamente un equipo de docentes e cineastas.
O proceso fundaméntase no diálogo entre ver e facer cinema. A rapazada descobre autoras e autores como Chantal Akerman, Jean-Pierre e Luc Dardenne, Jean-Luc Godard, Mia Hansen-Løve, Johan van der Keuken, David Perlov, Nicolas Philibert, Ermanno Olmi, Raymond Depardon, Mercedes Álvarez, José Luis Guerin, Agnès Varda ou Isaki Lacuesta, e tras as súas pegadas realiza diversas propostas de creación que culminan coa creación dunha curtametraxe documental ou de ficción. Todos os procesos son colectivos: dende a documentación ata a montaxe pasando pola rodaxe, e os cargos distribúense rotativamente.
En Galicia, o equipo de cineastas está formado por Carla Andrade, Xacio Baño, Jaione Camborda, Fon Cortizo, Eloy Domínguez Serén, Marcos Flórez, Ángel Santos e Alejandro Tarraf. Tamén forman parte do equipo, a nivel estatal, Jaume Claret Muxart, Mertixell Colell, Mikel Gurrea, Carla Simón, Daniel Tornero e Jonás Trueba.
Cinema en curso é un programa de A Bao A Qu, asociación cultural dedicada a proxectos que vinculan creación, cultura e educación, dende unha tripla perspectiva artística, social e pedagóxica.
No marco desta actividade de Cineuropa, os responsables deste programa e mais os cineastas galegos Marcos Flórez, Xacio Baño e Jaione Camborda presentarán unha selección dos traballos realizados polo seu estudantado ao longo destes anos.