NOV
16
Xoves, 16:30
Zona C, Praza Cervantes
Reserva a túa praza

Carlos Losilla lanza un órdago fronte ao canon tradicional do cinema. Pregúntase por que teimamos en contar a historia do cine nun sentido lineal e progresivo, cando sabemos que as películas máis ben se amorean e mesturan nas nosas lembranzas. E aínda máis: pódese pensar en abolir esa historia, ou imaxinar unha antihistoria, para demostrar que son as películas que aínda non vimos as que influirán decisivamente á hora de reinventar as que vimos na nosa infancia? Losilla propón trocar unha historia do cinema por un relato do mesmo, é dicir, abandonar o gran discurso totalizador por unha ollada máis fragmentaria, transversal e melancólica.

Carlos Losilla

Membro do noso xurado internacional, Carlos Losilla é ensaísta, doutor en Comunicación, profesor da Universidade Pompeu Fabra e membro do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine e de La Furia Umana. O desenvolvemento da súa (cosmo)visión do cinema e das evolucións deste no curso do tempo ou da melancolía pódense seguir a través de libros como La invención de Hollywood (Ed. Paidos, 2002) ou La invención de la modernidad o cómo acabar de una vez por todas con la Historia del cine (Ed. Cátedra, 2012) e, máis recentemente, no salto ao persoal e ao poético en Deambulaciones. Diario de Cine (Ed. Muga, 2020).