Entrada

Inscrición de balde en cineuropa.gal ata completar capacidade

NOV
14
Sábado 14, 11:30
Auditorio de Galicia – Sala de exposicións

A cineasta e artista Xiana do Teixeiro participa na 40ª edición de Cineuropa coa proxección de Crías (2026), un documental que recupera os diarios de adolescencia de centos de mulleres e reivindica o valor desta escrita íntima e historicamente marxinada. Ao mesmo tempo, o proceso de investigación que deu lugar á película faise visible na mostra Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, que se pode visitar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia ata o mes de febreiro.

Este diálogo entre o cinema e a proposta expositiva prolongarase en As nenas escribimos diarios, un club de diaristas que comeza tras a proxección do filme no festival. O sábado 14 de novembro terá lugar o primeiro dunha serie de encontros nos que Xiana do Teixeiro convida as mulleres interesadas a ler, a conversar e mesmo a volver escribir a partir do que espertan os diarios de adolescencia, tanto os propios como os doutras participantes. Os encontros continuarán o 12 de decembro de 2026 e o 16 de xaneiro e o 6 de febreiro do 2027, sempre coa presenza da cineasta. Para participar, abonda con inscribirse a través do formulario dispoñible na web de Cineuropa. 

Xiana do Teixeiro é cineasta, produtora e investigadora. Nos seus proxectos documentais e de cinema-ensaio, adopta unha perspectiva ecofeminista e biofílica. A súa obra concibe o cinema como unha práctica comprometida co coidado en todas as súas dimensións: desde a relación coas realidades que investiga e o benestar das persoas que participan nas filmacións ata a organización dos procesos de produción e os xeitos de distribución e circulación das películas. É cofundadora, xunto con Emilio Fonseca, de Walkie Talkie Films e de Animalia.